Láncara reforza o seu apoio ao deporte local cun convenio de colaboración co Puebla Futsal

O Concello de Láncara asinou un convenio de colaboración co Puebla Futsal por un importe de 4.500 euros, co obxectivo de apoiar o desenvolvemento das súas actividades deportivas ao longo da tempada. O acordo foi asinado polo alcalde en funcións, Pablo Rivera, e polo presidente da entidade, Arturo Luseiro, nun acto no que tamén participaron outros membros do equipo de goberno local.
Este convenio enmárcase na política municipal de apoio ao deporte de base e busca facilitar a participación da mocidade nunha disciplina con forte arraigamento no municipio. Pablo Rivera destacou que o Puebla Futsal “desenvolve un labor fundamental na promoción do deporte entre a nosa mocidade” e subliñou que “este convenio é un investimento no futuro dos nosos rapaces e rapazas”.
Pola súa banda, o presidente do club, Arturo Luseiro, agradeceu o respaldo do Concello e salientou que “esta colaboración é esencial para manter viva a actividade do club, xa que nos permite facer fronte aos gastos de competición e garantir unhas cotas accesibles para todas as familias”.