Láncara revive a esencia rural coa Festa da Malla e o grupo tradicional Axeigo

A Asociación Val de Láncara organiza un ano máis a súa tradicional Festa da Malla, que terá lugar o vindeiro 10 de agosto. Esta festa consiste na representación do proceso tradicional de separación do grao de trigo da palla, mantendo viva esta antiga técnica que forma parte do patrimonio cultural da zona.
Durante a xornada, ademais, poderanse visitar exposicións de artesanía, maquinaria agrícola, vehículos e degustar produtos gastronómicos típicos.
Tamén haberá unha comida popular e a Asociación Val de Láncara tamén actuará como grupo de música tradicional, acompañando a festa con son e baile.
Como novidade, este ano tamén contarán coa participación do grupo de música tradicional Axeigo, de Rábade, que participarán desta festa tradicional aportando o seu graniño de area. Uxío, Manuel, Pablo, Miguel e Óscar forman Axeigo, un grupo que naceu no 2015 no Centro de Música de Fingoi e, desde aquela, promoven a Foliada de Primavera en Rábade, así como participan no San Froilán, na Xira de Ribadeo ou na Foliada da Fonsagrada, sendo esta a primeira vez que estarán na Festa da Malla de Láncara.
Con respecto á Asociación organizadora, Val de Láncara leva máis de vinte anos organizando este evento e a intención é seguir facéndoo, xa que a asociación subliña a importancia de que as xeracións máis novas aprendan directamente dos que aínda mallan, contribuíndo a conservar este oficio tradicional que envolve a todos os membros da entidade.