Láncara saca a poxa pública seis vehículos e maquinaria municipal xa en desuso

SarriaXa
A Xunta de Goberno aproba o inicio do proceso cun prezo base conxunto de 18.575 euros
Casa-do-Concello-de-Láncara
13 Nov 2025

O Concello de Láncara vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a saída a poxa pública de seis bens municipais que foron declarados como non utilizables por non prestar xa servizo. O procedemento de licitación fixa un prezo base total de 18.575 euros e permanecerá aberto durante quince días hábiles para que os interesados poidan presentar as súas ofertas á alza.

O alcalde en funcións, Pablo Rivera, explicou que se trata de “vehículos e maquinaria que xa cumpriron a súa vida útil ao servizo dos veciños. Algúns levan máis de tres décadas traballando para o Concello e agora é o momento de darlles saída e xerar novos ingresos que se destinarán a investimentos municipais”.

Entre os bens que saen á poxa figuran un camión Pegaso Halcón con grúa incorporada (9.000 €), un camión Nissan con prensa de lixo (6.000 €), un Mitsubishi Pajero TD (500 €), un remolque Ando sen documentación (500 €), unha trituradora de brazo GL1 (2.500 €) e unha porta seccional averiada de 10 metros cadrados (75 €).

As persoas interesadas poderán presentar ofertas por un ou varios dos lotes, sempre por riba do prezo de saída. Os bens estarán dispoñibles para a súa inspección nas dependencias municipais da rúa Rosalía de Castro, na Pobra de San Xiao, ata o día anterior á finalización do prazo de licitación.

As ofertas deberán rexistrarse no Concello dentro dos quince días hábiles seguintes á publicación do anuncio, prevista para os próximos días. A adxudicación realizarase ao mellor postor de cada lote, que deberá asumir os trámites de cambio de titularidade ou baixa dos vehículos.

“É unha boa oportunidade para quen precise este tipo de maquinaria ou queira destinala a chatarra. O importante é que poidan ter unha segunda vida e, ao mesmo tempo, contribuír a xerar ingresos para o Concello”, engadiu Rivera.

⚙ Configurar cookies
0.06751012802124