Láncara, Samos e Paradela contarán cun obradoiro dual de emprego chamado 'Os soutos'

SarriaXa
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará a posta en marcha do obradoiro con 411.928 euros
A-Pobra-de-San-Xiao-Láncara
22 Ago 2024

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará a posta en marcha do obradoiro dual de emprego ‘Os soutos’ dos concellos de Láncara, Samos e Paradela despois de que o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, solicitara á Xunta unha subvención para poder levar a cabo dito obradoiro.

Así, o mandatario lancarés sostivo que “foi un traballo duro, pero estou moi contento porque, por fin, Láncara contará cun obradoiro de emprego para adecuar as áreas fluviais e a contorna da estación do tren e que vai xerar postos de traballo”. Ademais, agradeceu a colaboración dos Concello de Paradela e Samos, “socios de viaxe, especialmente na figura das súas alcaldesas e na dos funcionarios e funcionarias que fixeron isto posible”, destacou.

Desta maneira, a subvención, de 411.928 euros, servirá para formar a vinte alumnos e alumnas dos tres concellos en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría durante dous anos, dedicando 144.174 euros neste ano, subvencionado gastos de formación e funcionamento, e de 187.753 euros para o ano 2025, que servirá para os gastos derivados dos alumnos e alumnas traballadoras durante nove meses.

Ademais de mellorar a área fluvial e a área da estación de Láncara, tamén actuarán no paseo do Malecón e a ruta do Loio de Paradela e na leira da piscina municipal de Samos, onde tamén farán traballos no campo da feira, na Horta da Botica e nas zonas axardinadas do casco urbano samanense.

0.10044884681702