Láncara volve posicionarse no panorama deportivo co Puebla Futsal
O Concello de Láncara sempre tivo unha gran afección polo fútbol sala, nos seus tempos contou cun equipo de fútbol sala que xogou en División de Honra durante dúas temporadas. Dende ese momento non volveu haber ningún club nin equipo deste deporte ata a actualidade, cando o Puebla Futsal recuperou esta actividade.
O Puebla Futsal é un equipo nado en Láncara moi recentemente. Aínda que foi fundado no 2020 comezaron a adestrar e competir este ano, xa que debido a pandemia non houbo competición na temporada anterior. O club nace ante a necesidade dunha agrupación deportiva dedicada ao fútbol sala, os máis novos tiñan que marchar fóra de Láncara para atopar un equipo no que xogar, polo que foi froito dunha demanda social e a paixón dun grupo de veciños xa vinculados a este deporte.
Este é un proxecto novo que naceu na Pobra de San Xiao a raíz do interese que mostrou a xuventude do Concello que despois de formar parte das escolas municipais botaban en falta un equipo de referencia nas categorías de maior idade. A acta de constitución do equipo foi o 14 de agosto de 2020, unha data que a día de hoxe xa forma parte do club ao converterse no número de lotería de Nadal que colleron no ano 2021 e pretenden coller nun futuro (14820).
O club está composto por empresarios, hostaleiros e xente interesada no mesmo da Pobra do San Xiao e de localidades do Concello de Láncara. A directiva está formada por 15 persoas sendo o presidente Arturo Luseiro. Forman parte da directiva Julio Cosme, ex-xogadores coma Charly, David e Julio (Chucu).
O obxectivo deste club é xuntar aos cativos da zona e intentar enganchar a xente ao fútbol sala. Dando como resultado un equipo moi novo, con rapaces de 18-19 anos, cunha media de idade moi baixa. Na actualidade están a xogar na primeira autonómica senior.
Despois de consolidar o equipo na vila, unha finalidade máis que lograda, o obxectivo principal era quedar entre os catro primeiros equipos na clasificación para poder optar ao ascenso, este realizouse despois de acadar o segundo posto na táboa.
Hoxe en día o club conta con 200 socios, 80 máis infantís, de 0 a 16 anos que é de carácter gratuíto, 40 socios colaboradores e 7 patrocinadores.
A acollida por parte dos veciños é moi positiva, isto reflíctese na gran afluencia de público nos partidos, incluso nos de fóra da casa. No pavillón do Concello chegou a haber sobre 300 persoas. Ademais, puxeron a disposición dos interesados camisetas como as do primeiro equipo que poden mercar.
Ademais dos adestramentos e partidos, o club realiza diferentes actividades solidarias e de apoio como a andaina polo día da muller ou a recollida de materiais para Ucraína, debido a situación que está a vivir o país.
A iniciativa de colaboración con Ucraína naceu a raíz dunha conversa co xogador ucraíno do CD Lugo. A través dese contacto o equipo comezou a recadar os materiais solicitados pola Asociación de ucraínos de Lugo e incentivados polo sorteo dunha camiseta firmada polos xogadores, os veciños de Láncara mostraron a súa solidariedade co país veciño.
De cara ao verán están prantexando a organización de campamentos de fútbol sala de entre 3 e 5 días de duración, buscando dar maior acollida aos pequenos das escolas deportivas que xa están moi ligados e senten admiración polo equipo do seu municipio.
Un club destas características sobrevive a través das cotas dos socios, os colaboradores, subvencións e merchandising. O club pon á venda bufandas, chándales e camisetas de diferentes tallas incluídas as de bebé.
Tamén están moi presentes nas redes sociais, contan con perfil en Instagram e Facebook.