Lanzan unha campaña para concienciar ante o aumento do gasto hídrico no verán en Sarria

SarriaXa
A iniciativa pretende sensibilizar sobre a importancia de preservar os recursos naturais nun contexto marcado pola escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas
piscina-Sarria
11 Aug 2025

O Concello de Sarria, en colaboración coa empresa concesionaria do servizo de augas , puxo en marcha a campaña 'A auga é vida. Aprovéitaa' co obxectivo de promover un uso responsable e consciente deste recurso entre a poboación.

A iniciativa pretende sensibilizar sobre a importancia de preservar os recursos naturais nun contexto marcado pola escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas previstas para o verán, factores que, sumados ao avance do cambio climático, afectan de forma directa aos caudais ecolóxicos dos ríos.

Para manter as reservas hídricas durante os períodos máis secos, o Concello insiste na necesidade de facer un consumo eficiente da auga potable.

En 2024, o volume total de auga consumida polos veciños de Sarria foi de 1.968.176 metros cúbicos, cunha media mensual de 108.102 metros cúbicos. Porén, nos meses de verán esta cifra increméntase notablemente, chegando en xullo aos 113.227 metros cúbicos e en agosto aos 123.127.

A campaña incide en pequenos xestos cotiáns que poden marcar a diferenza, como pechar a billa ao fregar os pratos, non tirar lixo nin aceite polo inodoro, optar por ducharse en lugar de bañarse e empregar a lavadora ou o lavalouzas unicamente con cargas completas.

Tamén se recomenda moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos ou regar xardíns, así como pechar a chave de paso da vivenda en períodos de ausencia prolongada, como nas vacacións de verán.

A mensaxe difundirase a través de carteis nos edificios municipais, instalacións do servizo de augas, redes sociais e páxinas web do Concello e da concesionaria.

⚙ Configurar cookies
0.045390844345093