Lavadoras pequenas

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
6 Oct 2023

Noelia Castro Yáñez

Contra as nove e media da noite comezou a soar o teléfono. Ultimamente amósome en estado de alerta cando isto acontece e abro moito os ollos cun xiro rápido de pescozo para ver quen chama. Seica teño asociado o concepto de problema coas chamadas telefónicas, malas novas médicas dalguén moi próximo, algún rapaz enfermo que non pode vir a clase, unha gráfica fóra de rango que asusta á enfermeira da diabetes ou un anterior arrendador que segue a dar máis problemas ca solucións, porque hai xente así, que vai en contra das leis da Matemática.

Di a miña Doutora que isto me pasará, e que debo empregar a miña mente científica para facer estatística descritiva, se de dez chamadas, nove son por motivos sen transcendencia algunha ou mesmo con boas novas, non debo quedarme con esa outrora capaz de amargarme o día. Pero somos así, do mesmo xeito que as latas baleiras fan moito máis balbordo cas cheas, o mesmo adoita acontecer cos cerebros, que fan moito máis estrondo os que non teñen miolos. E así somos, malia que as miñas alumnas me recorden acotío que me quede cos vinte e un exercicios que souberon desenvolver e resolver soas e non con aqueloutro co que quedaron sen ferramentas e tiven que aportar eu algunha idea feliz para que fosen quen de continuar.

O son característico dos dispositivos de Apple soa por todas partes, o cal non fai máis ca incrementar esa inquietude, ese estado de inquedanza dos que por sorte ou por desgraza, dependemos del máis do debido. Co seu correspondente resumo dos luns pola mañá analizando por un lado, e asustando, polo outro, co consumo do aparello na semana anterior. Estaba sentada no escritorio coma de costume, por rematar as fichas dalgúns alumnos novos, e repousaba sobre o sofá, nese intento baldío por prescindir del o máis posible. Como cabe esperar, e segundo a regra de Laplace, casos favorables partido de casos posibles, non era ningunha mala nova. Era a miña tía T. avisándome que podía cambiar o galano que me trouxo cando veu ver a nova Academia, se non me gustaba, que tiña o tícket regalo dentro da bolsa.

Efectivamente, eu xa tirara a bolsa e houbo sorte porque me gustara e de non ser así, igualmente habería un lugar para el. Malia que ese era o motivo principal da chamada, con ela sempre rematas por falar de cousas que nada teñen que ver, totalmente disconexas, topolóxicamente falando porque hai temas que non poden ser expresados como unión disxunta de dous conxuntos abertos e non baleiros. Descoñezo o motivo polo cal me dixo unha sentenza que me deixou pensando desde aquela: “Paz na casa e a guerra fóra”. Dando por rematada algunha queixa familiar.

Para alguén coma min, que aborrece discutir, foi aseverativo. É certo que os xuízos de valor, non por seren máis contundentes, son máis certos nin teñen máis razón, pero o ton e o resumo fixeron que de cando en vez, se me repita esta frase. Porque guerra, nin dentro nin fóra. Pero de escoller, mellor batallas que unha poida librar, é máis, que sirva de algo librar. Extrapolando sempre esta linguaxe bélica que escolleu ela e a min non me gusta, moi lonxe da realidade, e entendendo por guerra, unicamente a discusión ou a riña.

Se familia tamén é a que se escolle, como acostumamos a escoitar, deberamos tamén poder elixir dentro da que nos tocou por lazos de sangue, porque non sempre nos fai ben a que nos veu imposta. E cómpren moitas conversas incómodas, moita diferenza de pareceres, doses incontables de empatía, horas de escoitar cousas que non nos gustan, porse na pel do que temos en fronte, para que sexa fructífera e duradeira, senón coido que non conduce a ningures ese comparto xenético. Penso que debemos escoitar aquelo que non facemos ben en boca dunha nai, ou así me educou a miña. E se nos tocou un pai que non merece ser así chamado, ao mundo debe darlle iso exactamente igual. A roupa cocha lávase na lavandaría ou na lavadora da casa, segundo as circunstancias, hai nórdicos que pesan moito, e a miña lavadora só alberga ata 6 quilos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15060806274414