Licitada a explotación das estacións de autobuses de Monforte e Sarria
Licitouse a concesión de servizos para a xestión da explotación das estacións de autobuses de Monforte de Lemos, de Sarria e do Barco de Valdeorras, por un valor estimado de máis de 811.000 euros (sen IVE).
A Plataforma Contratos Públicos de Galicia vén de publicar a licitación deste contrato, ao que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 8 de setembro.
Unha vez finalizados os contratos de concesión de servizos para a xestión da explotación do servizo público destas tres estacións de autobuses, cómpre licitar un novo contrato de explotación, que terá un prazo de 5 anos.
Estas estacións de autobuses contan con plataformas cubertas para a subida e baixada dos usuarios e zona de espera independente.
O concesionario do servizo de explotación prestará ou facilitará os servizos preparatorios e complementarios do transporte a usuarios e transportistas e proporcionará os servizos de facturación, consigna, venda de billetes e información ao viaxeiro.
O adxudicatario do contrato tamén deberá cumprir coas tarefas de conservación e mantemento das instalacións.
Actuacións de mellora
Cómpre lembrar que, previamente á licitación dos novos contratos de xestión da explotación destas estacións, realizáronse actuacións de mellora en varias destas terminais.
As actuacións realizadas foron executadas durante os anos 2019 e 2021 no marco das obras de renovación e mellora de cinco estacións de autobuses da provincia de Lugo, nas que se incluíron, as terminais de Monforte de Lemos e de Sarria. O investimento conxunto nestas cinco intervencións acadou os 732.000 euros.
As obras tiñan por obxectivo proporcionarlles aos usuarios do transporte público en autobús unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.
As intervencións incluíron reparacións puntuais e melloras nas cubertas das terminais de autobuses, coa renovación de pavimentos, principalmente nas zonas máis deterioradas, como é o caso da zona de circulación de autobuses.
Tamén se incluíron melloras nas instalacións eléctricas e na iluminación, o arranxo de falsos teitos ou dos aseos e a dotación de equipamento, como pantallas de información ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera de viaxeiros.