Limpeza e seguridade para converter a Romaría dos Remedios de Sarria nunha festa exemplar
Co comezo da Romaría dos Remedios 2023 en San Salvador de Cesa, desde o Concello de Sarria promoveron unha campaña para promover que as persoas que participen deste evento se responsabilicen dos seus residuos e que os depositen nos contedores habilitados na vila.
Así, baixo o lema 'O lixo non volve só', aconsellan a cidadáns e visitantes que empreguen vasos reutilizables, que depositen o lixos nos contedores, que retiren o mobiliario que trouxeron e que deixen a súa zona recollida e limpa. Todo isto co fin de ser unha festa exemplar no respecto á natureza e para que a contorna quede limpa e en perfecto estado de revista.
Tráfico e seguridade na festa
Por outra banda, tendo en conta a afluencia masiva á Romaría dos Remedios, o Concello coordinou coa comisión de festas un dispositivo especial de tráfico e seguridade para garantir o axeitado desenvolvemento das celebracións.
Nas xornadas do venres e o sábado establecerase un sentido único de circulación para os vehículos, que deberán acceder desde a estrada de Monforte (LU-546), concretamente desde o cruce coa estrada LU-P-5703 en dirección a Vilar do Monte.
Para a baixada cara a Sarria, recoméndase retornar pola mesma estrada LU-546 desde A Valiña ou ben facelo a través dos lugares de Pape e Arxevide, pola estrada de Samos (LU-633).
Ademais, organización habilitará diferentes espazos de aparcamento que estarán debidamente sinalizados e que serán de carácter gratuíto e as forzas de seguridade pregan especial precaución aos condutores que circulen estes días nas vías próximas á Romaría dos Remedios e, sobre todo, ás persoas que decidan subir camiñando desde Sarria ou retornar tamén a pé.