Limpiezas Sarria: “Ofrecemos un servizo de limpeza para que a empresa que nos contrata se despreocupe”

SarriaXa
No negocio Limpiezas Isabel de Sarria, que xorde en abril do ano 2023, teñen claro o seu obxectivo: estar do lado do cliente, ofrecéndolle un servizo de limpeza sen asumir os gastos do persoal
Limpiezas-Isabel
4 Jan 2025

Jessica Fernández

Cando se pon en marcha Limpiezas Isabel?

Limpiezas Isabel ponse en marcha hai dous anos despois de volver de Andorra como migrantes retornados, onde traballamos 20 anos no sector da limpeza. Vendo o mercado que había aquí en Sarria e vendo o que podíamos ofrecer nós, decidimos poñelo en marcha.

Cal é o obxectivo deste negocio?

Cremos que é un servizo interesante tanto para particulares como para empresas, xa que estas teñen un servizo completo de limpeza e aforran todos os custos que supoñen ter a unha persoa contratada, como a seguridade social, as vacacións, as baixas… Nós ofrecemos unha persoa comprometida e que traballa dunha maneira impecable asumindo nós todos os custos. En vez de contratar ao teu propio persoal, contratas a unha empresa que che ofrece todo o bo dese traballo. Así, nun hotel ou non albergue, o propietario esquécese da limpeza, xa que esta todo cuberto permanentemente. Por iso, queremos posicionarnos tamén no ámbito dos albergues, non só en Sarria, senón en toda a comarca.

Que servizos, detalladamente ofrecen?

Ofrecemos todos os servizos relacionados coa limpeza dun lugar, xa sexa unha casa particular, unha comunidade de veciños, un local, unha empresa, un albergue, un hotel... e limpamos todo, xa sexan solos, mobles, terrazas, baños, habitacións, cociñas e tamén de restaurantes, cristais... Dámoslle o mellor servizo ao cliente para solucionarlle os seus problemas e que quede contento.

Actualmente, onde actúan?

Actuamos en Sarria pero tamén fóra de Sarria, nun radio de 30 km, é dicir, en Lugo Baralla, Triacastela, Samos, Portomarín, e incluso Monforte.

Que produtos utilizan?

Nós utilizamos só produtos ecolóxicos e biodegradables, xa que é importante non usar non usar ningún produto corrosivo, como a lixivia, que queima, non limpa. Ademais, temos unha máquina de auga a presión, unha máquina de vapor, unha varredora, unha fregadora...

Poderían falarnos sobre o trato co cliente?

Sempre intentamos facer todo de ti a ti, en contacto total co cliente en calquera cousa, e solucionando os seus problemas, que é o que nos diferencia tamén doutros negocios. Coa nosa experiencia no sector, sabemos que iso é o máis importante. Ademais, as nosas traballadores son persoas responsables, coas que o cliente sempre queda contento. Ademais, intentamos pasar todos os días polos lugares onde traballamos, por se xorde algún problema, estar aí sempre. E se non, intentamos dar unha resposta inmediata na medida das nosas posibilidades. Por iso, temos clientes fieis e fixos, como algún albergue ao que imos case a diario. É importante a confianza, polo que sempre vai a mesma persoa a un mesmo sitio, para que o cliente sinta que é como unha empregada súa, pero sen os gastos que xera.

Cales son as necesidades e desafíos do sector?

As necesidades, como sempre, é o problema de atopar unha persoa que poida traballar. Hai xente inmigrante que queremos contratar, pero non teñen papeis, polo que non os collemos. Non traballamos nada en negro e contratamos a todo o mundo. A nosa política é que se ti produces e pagas os teus impostos podes esixir algo ao Goberno, polo que a min non me gusta que a xente estea en negro, non é a nosa política e por iso ás veces non atopemos xente. Nós queremos ter á xente con seguro. Se houbese inspectores na rúa todos os días, todos estariamos mellor.

Hai proxectos de futuro?

O tema xestionar a limpeza dos albergues de Sarria e comarca, Triacastela, Samos, Portomarín… e algunha cousa que está en proxecto. Pero sobre todo, que todo siga como ata agora, mellorando e crecendo, e que sigamos intentando aumentar o negocio, pero sempre coa premisa de que estar aí da man do cliente.

0.15005803108215