Lorena, da Asociación de Veciños de Cedrón: “Queremos ir pouco a pouco, facendo un proxecto bonito”
Jessica Fernández
“Foi algo que sempre estivo aí, na mente de todos, pero que non chegara a materializarse”. A Asociación de Veciños de Cedrón xorde como froito dunha idea madurada en varias reunións celebradas con veciños e veciñas da parroquia de Cedrón, en Láncara, no pasado mes de marzo de 2024. A súa presidenta, Lorena Vázquez, di que “os veciños tiñamos fanas de poder organizar cousas para a xente do pobo, facer actividades e, en xeral, dinamizar a vida na parroquia. A idea sempre foi facer unión entre os veciños”, argumenta.
Os obxectivos, polo tanto, “van encamiñados á potenciación do benestar veciñal, mellorando a calidade de vida no rural, preservando os costumes populares, promovendo e fomentando o nivel cultural, defendendo os intereses dos veciños e fomentando a conciencia comunitaria”, defende Vázquez, que destaca como fin fundamental “darlle vida ao pobo, á parroquia, recuperar a súa vitalidade e facelo máis atractivo para vivir nel”.
Así, con arredor de 220 socios na actualidade, din que a evolución da asociación nestes meses foi “moi positiva, a pesar de que, como en todo na vida, os comezos sempre son duros, e sobre todo porque cando se inicia un proxecto destas características, xa que non se conta con presuposto nin medios materiais para poder facer o que se queira”, explica. Pero sostén que están “realmente, moi contentos, porque o acollemento por parte da veciñanza e da xente en xeral foi moi bo dende o primeiro momento, e iso, queiras que non, dá moitas forzas para seguir facendo camiño e seguir conseguindo os obxectivos proxectados.
AS NECESIDADES DA ASOCIACIÓN
Como comentaba Lorena Vázquez, “as ideas son moitas, pero non podes facer todo porque non hai recursos”. Por iso, están traballando para poder recibir todas as axudas e colaboracións que sexan posibles, tanto por parte do Concello de Láncara, como parte da Deputación, da Xunta e doutras institucións e asociacións “coas que poidamos colaborar estreitamente. Arrimando o ombro pódense conseguir cousas moi grandes”, destaca.
Pero, concretamente, demandan unhas necesidades que consideran “urxentes”, como é “conseguir un local no que poder realizar as actividades que teñamos pensado planificar e facer, xa sexan cursos, momentos de lecer, as reunións preceptivas da directiva ou cos propios asociados, etc. De feito, é un dos principais obstáculos cos que contamos agora mesmo, o non dispoñer dun local de propio”, comenta. A maiores, ademais, tamén piden “algo de mobiliario e equipamento para o desenvolvemento da actividade propia da asociación”, explica.
Todo isto, sostén, é necesario para a supervivencia da asociación, que, á súa vez, “é moi necesaria para Cedrón e para Láncara, xa que Láncara é un Concello moi grande e disperso, enmarcado no rural, e aínda que nós nos focalizamos máis ben no ámbito da nosa parroquia, consideramos que sempre é unha forma de manter viva unha parte do Concello moi importante, e que o necesita moito. Sen lugar a dúbida, o facer comunidade e unión entre os veciños é moi importante para que a parroquia continúe viva, pero tamén o Concello en xeral, no que repercute directamente”, destaca a presidenta.
Ademais, comenta que o tema do despoboamento é unha preocupación dos veciños e dos compoñentes da Asociación, polo que volve subliñar a importancia de “facer comunidade, manter as relacións entre os veciños para frear o despoboamento. Para calquera persoa será máis atractivo vivir onde hai actividades que nun sitio no que hai nada”, conclúe
OS PROXECTOS
Pola súa parte, os proxectos que teñen en mente de cara ao futuro é “seguir medrando”, xa que “a parroquia é moi grande e hai moitos asociados potenciais, incluso veciños de parroquias do arredor con familia ou amigos en Cedrón que poderían formar parte da nosa asociación e actividades”, explica Lorena.
Así, di que “ata o momento, e tendo en conta que somos unha asociación veciñal e cultural, as actividades que viñemos desenvolvendo ata o momento foron esencialmente culturais”. En xullo, celebraron un pequeno acto de benvida, en novembro celebraron o Magosto, e tamén fixeron unha excursión a través do programa ‘Coñece a túa provincia’ da Deputación de Lugo, co que visitaron o Pazo de San Marcos e o Museo do Mar no Vicedo. Ademais, levaron a cabo varias accións formativas, entre as que destacan un curso de primeiros auxilios, unha charla no marco do Plan Mayor de Seguridad impartido pola Garda Civil e unha xornada formativa de introdución á micoloxía.
Como plans de futuro, a presidenta sostén que “o que nos funcionou, queremos repetilo e ir engadindo algunha cousa. Gustaríanos impartir algunha formación de ximnasia de mantemento ou baile, ou clases dalgún instrumento. Logo, temos ideas moi boas e ilusionantes, pero queremos ir pouco a pouco facendo un proxecto bonito, organizando máis e mellores actividades, e que os veciños se sintan acompañados e felices de vivir en Cedrón. É moi importante para nós acompañar á xente máis maior e, ao mesmo tempo, ir introducindo ás novas xeracións nesta nova comunidade, de forma que o espírito rural de Cedrón se manteña vivo”, sentencia.