‘Los zapatos del lobo’ da escritora Sonia Arias será traducido ao inglés
A escritora paradelense Sonia Arias conseguiu que o seu libro ‘Los zapatos del lobo’ fora traducido ao inglés grazas as xestións realizadas polo grupo editorial Angels Fortune Editions coa Universidade Rovira i Virgili de Tarragona e coa colaboración na revisión dos textos da autora e compañeira Blanca De La Rosa (EEUU).
“Todo este proceso fíxome moi feliz porque grazas a iso podo chegar a outros países. Valoro moito cada pasiño que damos”, sostén Arias, que ademais destaca que os seus estudos en psicoloxía positiva lle axudaron a escribir este libro: “Puiden poñerme diante do lector e expresar de maneira clara e segura as miñas emocións sobre os temas dos que escribo e permitir que o lector sinta as súas. Con iso gañei confianza en min mesma e mellorei a xestión emocional. Cando entras en temas difíciles tamén hai que saber saír, o que non podemos é facer que non existen. Todo supuxo un grande aumento de empatía cara aos demais”.
Por iso, explica, “é un libro onde hai moito análise, visualización e diferentes perspectivas. Tampouco se nega a liberdade para estar triste ou enfadado pero é moi importante ter a cabeza forte”. Así, di que unha das frases que máis recollen os lectores e incluso a utilizan na súa vida diaria é: “(...)traigan dolor, miedo y cosas irremediables que hoy compré el pan que me gusta(...)”.
Por outra parte, cre que grazas á psicoloxía positiva “a nivel persoal puiden ver o primeiro cambio. Quería mellorar a miña calidade de vida dende dentro a fóra e axudoume moito a canalizar certos temas. Estar en contacto con psicólogos abre a mente e serve para abrir a das persoas que te rodean”, explica.
Ademais, con esta titulación explica que pode impartir talleres de psicoloxía positiva en empresas, deportes en equipo, colexios… “A psicoloxía positiva non substitúe á psicoloxía clínica, senón que complementa e ofrece un enfoque diferente. É unha rama que se focaliza en facer cunha persoa sexa capaz de recoñecer e ser consciente dos seus puntos fortes para abordar obxectivos e superar dificultades”, conclúe a escritora.