Louband: “O San Xoán é o pistoletazo de saída para o forte da tempada de actuacións”
O grupo Louband non para de colleitar éxitos. Aló por onde van a festa rachada está asegurada e na festividade do San Xoán non vai ser menos. De feito, actuarán xa esta tarde do 24 de xuño. Asemade, tamén estarán no campo da Feira o 27 pola mañá e continuarán coa troula ese mesmo día pola tarde.
De que xeito definiriades “Louband” a alguén que aínda non tivese a oportunidade de gozar da vosa música en directo?
En Louband temos un espectáculo diferente, interactivo 100% co público, con repertorio bastante amplo en estilos, e sempre orientado á festa.O noso traballo é que a xente cante, baile e brinque durante toda a actuación, facer que o público pase unha experiencia dun concerto en primeira fila, onde as fronteiras de escenario e público están difuminadas, e donde todo o mundo é partícipe do show.
Cales son os vosos referentes musicais?
Temos un abano bastante grande, a maioría dos compoñentes vimos dunha carreira de música clásica, e outros sempre estiveron mais adicados a música Rock, o resumo: referencias musicais moi diversas.
Podémonos emocionar e atopar ideas escoitando tanto aos grandes do mundo clásico, como unha canción de pop anglo, como o rock mais bravú. Non temos ningún límite en este aspecto, se nos gusta e se nos imaxinamos como levalo ao noso estilo, benvido é.
Cales son os recordos mais vellos que gardades do San Xoán de Sarria? E da vosa primeira actuación nestas festas, que lembranzas destacariades?
A nivel personal, hai xente que vive estas festas dende nenos, xa que residen de toda a vida nesta Vila, e outros comezaron a desfrutar destas festas a raíz desta formación, ou da formación da que formábamos parte anteriormente. Algo que falamos entre todos habitualmente, é que o San Xoán é o inicio, o pistoletazo de saída para o forte da tempada de actuacións.
En canto á nosa primeira actuación nestas festas, creo que todos coincidimos en destacar unha palabra: sol. A mellor idea que tivemos foi colocarnos na ponte do malecón, pensando que non iamos pasar tanta calor, e que o sol ía ser indulxente pero… Equivocámonos bastante, e saímos a maioría coma cangrexos… Tamén é certo que a pesares diso, foi a primeira vez que a xente de Sarria nos viu actuando na rúa, e o apoio que recibimos dende ese momento non o conseguiremos pagar nunca.
Logo de dous anos de pandemia nos que a vosa formación non parou de actuar, que supón para vós participar nestas festas xa cunha situación sanitaria máis favorable?
É un momento que todos estamos esperando, xa levamos todo o ano realizando actuacións coas medidas moito mais relaxadas, e a verdade é que a xente ten moitas ganas de festa. Esperamos que a vila de Sarria responda do mesmo xeito que levamos vendo esta última tempada; que saia a desfrutar con nós na rúa, que lles sirva para olvidarse, aínda que sexa durante un breve periodo de tempo, de todo o que pasamos os últimos anos. Pola nosa parte, ímolo poñer todo para que sexa posible, así que, esperámosvos!
A que se debe que escollerades facer a versión do tema “ O tren”? Que significado ten para vós a figura de Andrés Do Barro?
A idea de escoller ese tema, parte da reivindicación propia que temos de elixir cancións e darlles unha revisión ao noso estilo; unha forma de marcar a nosa identidade como banda, que non cerra fronteiras, e pode combinar perfectamente un tema amplamente coñecido por todo Galicia como O Tren, con outra canción mais internacional, neste caso o Proud Mary.
A figura de Andrés do Barro tomámola como algo reivindicativo, é dicir, alguén durante a ditadura que usaba a música en galego como bandeira, e que chegou a ser número 1 en España varias veces con esa música, algo que ata día de hoxe non se volveu conseguir. Para nós demostra que non hai límites no que queiras facer como banda, independientemente de que chegues ou non a ser un gran referente, adícalle tempo e cariño, e o resultado sempre merecerá a pena.
Podedes citar uns cantos discos que recomendariades ter presentes nesta época do ano?
Podemos citar artistas, porque discos, para nós é moi relativo. O que mais escoitamos dentro da formación son grupos tipo Ska-P, Heredeiros da Crus, M-Clan ou Fito, e creo que a todo o mundo que lle guste a nosa banda, pode disfrutar de calquera destas formacións.
Algo que discutimos a veces entre nós é se resulta mellor escoitalos en disco de estudio ou disco de directo, e para gustos… Cores!
De que forma se presenta para vós o estío?
Pois a verdade é que non imos ter tempo a aburrirnos, temos datas cerradas case continuas ata mediados de setembro, e quédannos moitísimas por confirmar aínda, se estades atentos ás nosas RRSS, poderedes seguirnos a través da xeografía galega e parte do estranxeiro!
Por volta dunha década, que pensades que estaredes facendo?
Tocando. É dicir, nunha formación deste tipo, nunca se sabe onde estará o punto e final, se o hai. O único que podemos decir, é que esta profesión levámola por dentro, e creo que ningún de nós se imaxina facendo calquera outra cousa que non teña que ver co que estamos a facer a día de hoxe.