Louseiro acolle unha nova edición do San Martiño Caníbal este sábado

Louseiro, parroquia de Sarria, acolle este sábado, 8 de novembro, unha nova edición do San Martiño Caníbal, que volverá encher de festa o Campo da Festa.
A asociación Os Gorriós de Sarria é a encargada de organizar esta festa xa consolidada no calendario local, que cada ano reúne veciños e visitantes arredor das castañas, a gastronomía e a boa compañía.
A xornada comezará ás 13.00 horas coa sesión vermú amenizada pola Fanfarria Taquikardia, mentres que os máis pequenos poderán desfrutar ás 18.00 horas da actuación infantil de Peter Punk.
A partir da noite, a verbena tomará o protagonismo coas actuacións de Feral Booty, Kaleikia, Acid Blizzard, Baleas e Fran Zelop, nunha programación musical completamente gratuíta.
O evento conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Sarria e a Sala Buril. Con esta proposta, Gorriós de Sarria busca manter viva a esencia do San Martiño, combinando a cultura popular coa diversión e o espírito comunitario.