Fiz Vergara, 25 anos pasaron sen ti e contigo
A localidade de Lóuzara celebra o aniversario da morte do poeta con lembrazas de artistas que o coñeceron e admiraron.
Esa tarde de xullo de 1997 chovera a cántaros en Santalla de Abaixo. Namentres enterraban a Fiz Vergara, Miriam crera extraviarse entre todos os amigos, veciños e familiares que se congregaran naquela despedida. Enterrábano a el, a Fiz, ao poeta da Lóuzara Xabreira que de pícaro brincaba valados e xogaba a guindar pedras ao río, quen sabe se cantando con aquela voz que pouco a pouco se foi perdendo igual ca mobilidade dun corpo que seguiu xirando a través da poesía, que proseguiu alentando por medio duns versos que ensinaban un mundo; un universo de seu que se asentaba en Santalla, cabo da súa irmá Irene, da Fonte da Cova, dos seus libros, da enfermidade, da impotencencia de coñecer o destino e resistir o presente, sempre entre a poesía.
Daquelas Miriam non lera unha soa verba do que el escribira: “Sabía que era poeta, iso si. E tamén familiar da miña sogra, por iso fomos ao seu funeral”, explica. “Porén, algo quedara rumiando por dentro miña e días máis tarde, ao pasar por diante dunha biblioteca pública, foi cando me detiven para intentar pescudar entre os andeis algún libro seu”, rememora.
“Non me interesara moito ata o momento a poesía. Foi por Fiz que me acheguei, pola curiosidade de saber. E dende logo, a obra á que accedín esa tarde non me defraudou”, recoñece. Así, lembra como lle tremeron os dedos entre o papel ao toparse cos seguintes versos: “A través dos teus ollos eu contemplo/ a Lóuzara Xabreira e limitada,/ cos seus tesos erguidos cara ó ceo,/ semellantes a enormes osos pardos”. “Sentín que se dirixía a min, con Vergara morto penso que o poema cobraba un significado distinto. Era coma se nos seguise falando da outra beira e quixese continuar vendo o seu val a través da ollada de todos nós”, relata.
E neste senso, Miriam volve recordar aquela tarde na cal entre a auga se escoitara a música da Quenlla e como ela mentres tanto quedara abraiada vendo a inmensa alfombra de coroas florais. “Nunca tantas vira! Puxéronas no centro e a xente ficou repartida entre os dous extremos”, detalla antes de concluír: “Pode soar frívolo dito así, non? Pero dentro da tristeza foi un enterro fermoso e vou explicar por que; ante o inevitable e devastador da súa morte,a xente reuniuse aló con tanto respecto e agarimo, que ese amor penso eu, era toda unha declaración de intencións; Fiz non marchaba, de certa maneira quedaba con eles, co seu pobo”.
“Vaia se quedou con nós. Todas esas persoas que o coñecemos recordámolo agora e parécenos que non, que non puido pasar xa un cuarto de século”, comenta Manolo R., o cal mostra fachendoso unha primeira edición asinada do poemario de debut de Vergara, Pra vos, publicado aló polo ano 1971. Dezaoito anos tiña daquelas o mozo Fiz cando viu a luz esta obra. Era o seu amigo, estudaran xuntos no instituto e Manuel recibira con entusiasmo a chegada desta publicación. Desa amizade que entableceron destaca sobre todo “a bondade e xenerosidade” que espallaba Vergara Vilariño en tódolos aspectos da súa vida.
“Era coma se nos seguise falando da outra beira e quixese continuar vendo o seu val a través da ollada de todos nós”
“Foi e é un exemplo de traballo, resistencia, superación e loita”
Debeu ser por esta época de estudos, cando pola mente do escritor rondou a idea de facerse químico. Pero este foi un plan que pouco a pouco foi perdendo forza grazas ás suxestións da súa mestra Araceli, quen logo de ler unha redacción súa o animara a dedicarse de cheo á literatura.
Tería que agardarse ata entrados os setenta para que este seu primeiro poemario se vise materializado, o mencionado Pra Vós. Nesta obra que Manolo ensina, o creador porfiou en denunciar as inxustizas sociais que percibía xa dende a súa xove idade. Tempo despois chegarían outros libros como Encontro cos tiburóns (1973), ou Orfo de ti en terra adentro (1976) e será neste último onde Rodríguez Yañez destaca que a mostra do “sentimento amoroso, nas súas múltiples vertentes, consegue agarimar todos os obxectos da existencia”. E é que o autor de Santalla asexa a realidade louzariña da cal se forma esa muller fantasiada, tan imprescindible na súa poética.
Xa a comezos de 1982 sairía do prelo “Poeta muiñeiro á deriva”, onde o muíño vertebrará a estrutura do libro mentres o muiñeiro divaga entre o abafamento, a soidade e a enfermidade que o ataca e o deixa paralizado na súa Lóuzara desde a cal lamenta: “Ai de min que me acho senlleiro// xunto ó vello muíño”. Estará só e coa ansia de que esa namorada se achegue a el, transformada nunha “corza salvaxe”, mais padecendo sempre pola súa falta.
Xa en Nos Eidos da bremanza (1990), un dos seus traballos máis recoñecidos, daranse cita de novo os seus tormentos vitais no que será o seu poemario máis clásico. Pola contra, Pasotora de sorrisos (1993) e Animal sen fel (1998) envolveranse dunha maior ledicia por motivos diferentes, pois no primeiros festexará o amor partillado coa amada mentres que no segundo, seguindo a vida da súa cadeliña, concederá a esta algunha das características da muller.
Moitos destes poemarios, comezou a lelos Roberto A. con tan só 15 anos, durante o verán do 2010: “Recordo ir saltando duns poemas a outros, duns libros a outros… Tiña moito interese por indagar na súa creación literaria”. Porén, se un poema lembra en especial é ese que foi caer nas súas mans a primeira vez que leu algo de Fiz: “Esa primeira composición que chega a nós é moi importante. Dela coido que depende moito a nosa posterior relación co autor…”, explica. E así volven saír dos seus beizos aqueles versos que o atraparon para sempre: “Ún xa non sabe que facer/ nesta vida/ Xa non sabe si será/ mellor deixarse caír/ na lama como un peixe morto/ ou seguir carrexando/ o seu noxo polas congostras (…)”.
Roberto non chegou a coñecer a Fiz mais a través dos seus libros sentiuno como un amigo íntimo, con el medrou e fíxose mozo, abrazando en tantas ocasións a súa dor e soidade. E agora, 25 anos despois do seu pasamento, o rapaz que hoxe ten 28 anos salienta que o “legado máis emocionante” que alguén dedicado á literatura pode deixar é que “unha persoa coa que non coincidiches xamais tome nas súas mans un libro teu e o sinta coma propio. É outra forma de encontrarse”. Por iso, nin dúbida cabe que non se pode dicir que Fiz leve 25 anos ausente, pois mentres haxa quen ame e celebre a súa gran obra, este non morrerá, VIVIRÁ!
“A miña maior descuberta foi a súa faceta de dramaturgo”
Entrevista a Xulio Pérez, amigo e mestre de lingua galega que mantivo unha forte vinculación co autor de Samos.
Recorda a primeira vez que se achegou aos versos de Fiz Vergara? Que supuxo para vostede a descuberta do autor?
Non lembro con exactitude o momento exacto no que entrei en contacto coa poesía do Fiz. Probablemente foi na miña nenez da man dos meus veciños Pepe do Campo e a súa dona Mercedes. Os dous eran mestres en Cataluña e volvían a Bustofrío en canto remataban as aulas. Cando viñan nos veráns levábannos de excursión polas tardes e alí sempre había algún momento para a lectura, ben fose un poema, un conto ou algún relato. Foi nunha desas excursións onde coñecín o Fiz, sendo eu un neno de 10 ou 11 anos. Á súa poesía achegueime máis tarde, na adolescencia, no momento en que comecei a ter unha relación máis estreita con el. Da man do Fiz coñecín autores como Rimbaud, Baudelaire, Antón Tovar, Manuel María, Lorca, Rosalía, Novoneyra...Deses anos quedáronme gravados os versos iniciais do seu poemario Poeta muiñeiro á deriva:
Chámote muller…
eu que non son mais ca un vello de vintetantas primaveras (…)
Durante anos marteleáronme por dentro eses dous versos e a idea de como é posible sentirse vello aos vinte anos.
Porén, a meirande descuberta do Fiz foi, para min, a súa faceta de dramaturgo. Tivo lugar nos meus últimos anos do Bacharelato. Nun verán de comezo dos anos 90, o meu veciño e amigo Pepe do Campo coméntame a idea de representar a obra do Fiz O muíño vello nunca morrerá. Eu non a coñecía e tampouco fixera teatro anteriormente. O proxecto foi adiante: o Pepe dirixiunos a un grupo de rapaces e rapazas de Bustofrío, moitos deles veraneantes, que polas noites nos xuntabamos a ensaiar na súa casa. A representación tivo lugar na terraza da súa casa, ao aire libre, na véspera da festa en Bustofrío, un 24 de agosto. Resultou ser un éxito de público, ben é certo que xogabamos coa vantaxe de que familiares e veciños enchían as improvisadas gradas nas que se converteran os arredores da casa do Pepe. O Fiz comprometeuse alí a escribirnos outra obra se a representabamos o seguinte verán. E representamos unha segunda, e unha terceira e así ata rescatar dalgunha gabeta unha peza xa case dada por perdida como foi a obra As pulgas nunca dormen. Así foi como xurdiu o grupo de teatro Milrosas, nome que procede do título dunha das súas obras Cando a morte baixa a Milrosas e neva a retortoiro. Foi unha verdadeira escola de teatro e de vida pola que pasamos máis de cincuenta rapaces e maiores de Bustofrío, de aldeas dos arredores e mesmo algúns veciños de Sarria que viñan todos os días aos ensaios. A min, persoalmente, o teatro de Fiz fíxome medrar como persoa. Grazas ao teatro perdín, pouco a pouco, a timidez e fun dominando o medo a falar en público. O teatro potencioume a autoestima nun momento tan compexo como é a adolescencia. O teatro permitiume coñecer o Fiz máis humano e, por extensión, coñecer un pouco máis Lóuzara, pois compartín con el moitos momentos en Santalla falando de personaxes das súas obras, de palabras ou expresións que descoñecía, etc.
Como definiría a relación de Vergara Vilariño coa súa Lóuzara Xabreira? E coa súa enfermidade?
O colexio público de Lóuzara, hoxe pechado pola falta de nenos, leva o seu nome. Podería ser algo anecdótico mais non o é. O Fiz participou activamente na vida cultural da zona. Eu xa non estudei neste colexio pero si fun a actos de Nadal, Letras Galegas ou fin de curso nos que case sempre estaba Fiz. No colexio público Fiz Vergara Vilariño tivo lugar a presentación da Asociación Cultural Val de Lóuzara no ano 1993, da cal formei parte na súa fundación xunto ao Fiz. Entre os obxectivos da asociación marcarámonos a dinamización da vida cultural de Lóuzara. E niso traballamos con maior ou menor acerto durante anos.
As terras de Lóuzara e as súas xentes están presentes nos versos do Fiz, no seu teatro e en moitos dos seus artigos xornalísticos. Captou a esencia louzariña fixándose en personaxes coetáneos seus como O Gudín de Praducelo ou o Caxeno de San Xoán, personaxes que inmortalizou nalgún dos seus artigos xornalísticos. Lóuzara formou parte esencial do seu cosmos literario e vital. Á parte de ser un louzarín máis, Fiz foi, para os louzariños, o noso Fiz, o noso escritor. Co seu enxeño inmortalizounos un pouco a todos. Soubo empatizar coas clases humildes e populares, por iso era e é tan querido entre os seus. Alén diso, dignificou a nosa lingua co seu bo facer.
Que supuxo para vostede coñecer ao poeta? Atopaba diferenzas entre o autor a trato persoal e a súa obra?
Fiz marcou, para ben, a miña vida. Foi unha das primeiras persoas con discapacidade, ou diversidade funcional como se lle chama agora, coas que tratei. Lembro a angustia que me causaba intentar comunicarme con el as primeiras veces que estiven na súa casa. Co paso do tempo chegamos a falar de todo, o Fiz era un gran comunicador e tiña moita retranca. Simplemente foi cuestión de explorar outras linguaxes corporais para poder comunicarnos. Chegaba coa súa ollada, transaparente e cristalina coma a auga da Fonte da Cova, para entendelo.
Para min foi un referente cultural, memoria e voz dunha Lóuzara que estaba esmorecendo mais, sobre todo, foi un amigo co que compartín moitas vivencias. Foi e é un exemplo de traballo, resistencia, superación e loita. Na actualidde dedícome á docencia, son profesor de Lingua e Literatura Galega. Estou nun centro en Ourense que é unha referencia no traballo con nenos e nenas con algunha diversidade funcional. Algo en todo isto tivo que ver o Fiz, moito seguramente.
Anos despois de morto Fiz Vergara, que recordo común pensa que gardan del os louzariños?
Dífícil resposta pois non é doado coñecer o que pensan todos os louzariños, aínda que cada vez quede menos xente no noso val. O que si podo afirmar é que a xente de Lóuzara que o tratou garda un recordo bo do Fiz, pois era unha persoa participativa, solidaria e empática cos seus veciños. En calquera acto cultural que tivese que ver co colexio, principal axente dinamizador da zona, alí estaba o Fiz, como xa dixen anterioremente. E non lle tremía o pulso para denunciar as inxustizas sociais e o abandono secular ao que estivo secularmente sometida esta parte do rural galego. Por iso era moi querido.
E as xeracións futuras, como agarda que sigan tratando o legado de Vergara Vilariño?
O futuro sempre ten, por sorte, ese punto de incerteza que fai atractiva a nosa existencia. Sobre as xeracións futuras non me atrevo a aventurar demasiado. Cónstame que para a xeración actual o Fiz está vivo. En Sarria hai varios colectivos e institucións, tanto públicas coma privadas, coma Ergueitos, o concello ou mesmo o profesorado do IES, que manteñen viva a memoria do Fiz organizando actos divulgativos ano tras ano. Nese senso, creo que os alicerces que se están pondo son sementeira de pervivencia do legado do Fiz.
Para alguén que non se achegase nunca á obra do poeta de Santalla, que libro ou poema concreto lle recomendaría vostede?
Como libro recomendaríalle Pastora de sorrisos. Esta obra contén, para min, algúns dos mellores sonetos escritos en lingua galega. Por outra banda, o dominio da linguaxe é exquisito. Se teño que recomendar un poema quedaríame con Galo mudo, do seu libro Nos eidos da bremanza.
Como mestre de galego, que considera que pode achegar a lectura de Fiz Vergara aos máis novos?
En primeiro lugar é un exemplo de loita e superación persoal, un exemplo de vida. Iso sería, para min, unha das achegas máis importantes para os máis novos. Pero non o é todo, pois deixariamos fóra o seu compromiso coa terra, coa fala e a empatía coas clases sociais máis desfavorecidas. Fiz tiña o don da palabra e unha sólida formación cultural coa que nos dignificou a todos, non só aos louzariños. O seu exemplo dista moito do mundo excesivamente dependente do efémero e do que digan ou deixen de dicir de nós as redes sociais. Eses son os valores, entre outros moitos, que lles pode achegar ás xeracións máis novas.
Hai tempo suficiente nas aulas para dar a coñecer ben os nosos escritores ao alumnado?
Os programas educativos son inabarcables, ás veces cargados con demasiados conceptos teóricos e abstractos. Peneirar o esencial do accesorio tamén é o noso labor como docentes. Nas miñas aulas lemos case todos os días en voz alta calquera tipo de texto, ben sexa literario, xornalístico ou doutra tipoloxía. Lémolo e comentámolo desde diferentes ópticas. Para saborear un doce non se me ocorre outra maneira ca comelo. Pois coa literatura, e en concreto coa poesía, pasa igual. Pouco importa a memorización rutineira de listaxes de autores e obras se non se escoita a sonoridade dun poema, e non digamos xa da dicción, o ritmo, as pausas… Nunca me acerco nin de lonxe ao remate do programa de cada curso, creo que ninguén. Tampouco me me quita o sono. Se na clase de Lingua e Literatura Galegas non creamos as condicións necesarias para saborear literatura onde se vai facer? A maioría do meu alumnado nin fala nin le en galego fóra da aula. Se non o facemos alí...Eu saco tempo para a lectura diaria, polo menos ata o día en que algún inspector/a de educación se pare a ler as farragosas memorias de fin de curso que nos piden e vexa que quedou sen dar a meirande parte do temario que marca a Consellería. Para cando chegue ese día espero estar xa xubilado.
Por volta de 25 anos do seu pasamento, hai moitos que levan anos agardando ese Día das Letras Galegas para Fiz. Que considera que achegaría telo a el como homenaxeado?
Vaia por diante que eu non son partidario do Día das Letras Galegas tal e como se fai hoxe no noso país. O feito de convertelo en día non lectivo e equiparalo a un festivo máis acabou co sentido da data. Outra cousa sería que este día se convertese na festa da palabra e do autor/a homenaxeado, como se fai no San Jordi en Cataluña. Pero ese é outro tema que non imos tratar aquí.
A efeméride tivo a súa razón de ser nun momento histórico e cultural determinado. Foi por volta de 1963, en pleno franquismo, cando tres membros da Real Academia Galega, Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o “latexo material da actividade intelectual galega” conmemorando así o centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra fundamental, como ben sabemos, do Rexurdimento literario galego do século XIX.
Agora ben, o feito de homenaxear un autor/a en si non me parece mala idea pois permite que se coñezan e estuden aspectos da súa vida e obra que doutro xeito non chegarían ao gran público. Mellor nos iría como pobo se as creacións literarias dos nosos escritores/as chegasen máis e mellor ao conxunto da cidadanía e non quedasen circunscritas ás aulas de Lingua e Literatura Galegas. Neste senso, coido que si sería importante que se lle dedicase o Día das Letras Galegas ao Fiz para afondar na súa obra e divulgar a riqueza do seu legado máis alá do ámbito estudantil e estritamente académico.