Lóuzara, en Samos, festexará este sábado a vida e obra de Fiz Vergara Vilariño
O vindeiro mes de xullo cumprirase un cuarto de século da morte do poeta louzarín. Porén, na terra que o viu medrar adiántanse para renderlle homenaxe ao autor de obras como Poeta muiñeiro á deriva (1982) ou Nos eidos da bremanza (1990).
Santalla de Abaixo acollerá, a partir das 12.00 horas, esta cita para amantes da poesía de Fiz Vergara. A iniciativa xurdiu grazas ao traballo do IES Gregorio Fernández e das Bibliotecas Escolares de Galicia xunto aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca Fiz Vergara Vilariño. Dito acontecemento cultural xermolou co gallo de que os versos do poeta da Lóuzara Xabreira sexan de novo recitados na súa terra natal, ao carón dos camiños e paisaxes que marcaron fondamente o seu mundo poético. Por iso, este tributo , “25 anos sen ti, contigo”, trazou na Fonte da Cova o comezo dunha ruta que transcorrerá polo muíño da aldea ata chegar ao cemiterio onde repousan os seus restos. Ademais de contar coa intervención do artista Xurxo Souto e maila actuación musical da gaiteira do Incio, Carme López.
Todo está preparado para que a memoria de Vergara maila súa verba escrita se celebren na xornada de mañá por todo o alto, onde a súa voz poética atravesará de novo o Val de Lóuzara, pasando polos “tesos erguidos cara o ceo”, os uceiros, a Fontela do Muíño e todos os “antergos pobos do val escuro e bretemoso”.