Luar na Lubre fixo que centos de persoas desfrutaran da Noite Meiga en Sarria
Centos de persoas acudiron esta pasada noite de 25 de agosto ata o campo do río para comezar, ás 21.00 horas, a andaina que os levou ata o Chanto, onde tivo lugar a actuación do grupo Luar na Lubre.
Desde a Asociación Cultural Meigas e Trasgos, organizadora cada ano desta iniciativa, destacan que foi todo un éxito no que as persoas que se achegaron participaron dunha noite de tradición, lume e festa. Así, dixeron que a andaina foi "exitosa" e o concerto de Luar na Lubre "espectacular".
Este sábado e domingo seguirán as actividades no marco da Noite Meiga, comezando esta tarde cun pasacalles desde Os Catro Camiños e Boulevard ata o Lar Social e ás 19.30 horas recibiranse ás autoridades para dar o pregón ás 20.00 horas.
Despois, ás 21.00 horas terá lugar a tradicional actuación de Meigas e Trasgos xunto coa Asociación Cultural Castro Floxo de Ourense e ás 22.00 horas terá lugar a Cea da Noite Meiga co remate con queimada. Xa ás 1.00 horas celebrarase a Danza da Noite Meiga e, por último, ás 1.30 horas terá lugar o concerto de Louband Street.
Xa o domingo 27 de agosto ás 14.00 horas terá lugar a Festa da Empanada e ás 18.00 horas será a actuación infantil de Pablísimo.