Lucía Pérez actuará esta noite na Feira do Viño de Amandi

Lucía Pérez actuará esta noite ás 21.30 horas na XLV Feira do Viño de Amandi, que arrancou este venres en Sober e que celebra hoxe unha xornada chea de actividades. A artista encargarase tamén de dar o pregón, previsto para o domingo ás 13.00 horas. Un dobre protagonismo para O Incio, lugar de orixe da cantante, xa que será ademais o concello homenaxeado nesta edición, na que participan 44 adegas da subzona de Amandi.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explicou a elección da pregoeira por tratarse “dunha das artistas máis queridas e recoñecidas da música galega”, que ademais se atopa nun momento de madurez artística e que recentemente presentou o seu novo tema ‘Tanto’, no que fusiona diferentes influencias culturais.
Este sábado, os postos estarán abertos xa dende as 11.00 horas, e ao longo do día terán lugar actuacións de grupos de música tradicional, así como a dos Gin Toni’s, que pecharán a xornada ás 23.00 horas. O domingo, a charanga NBA abrirá a feira e, durante a mañá, terá lugar a lectura do pregón, a cata oficial e a entrega de premios. O grupo Los Satélites será o encargado de poñer fin á feira cunha actuación ás 19.30 horas.