Lucía Pérez dará un concerto o 4 de xullo no Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

SarriaXa | RibeiraSacraXa
A cantante do Incio forma parte do cartel desta edición, que incluirá tamén as actuacións do grupo Searas e A Banda da Loba
Lucía Pérez
14 Jun 2025

O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte celebrará a súa sétima edición os días 4, 5 e 6 de xullo no Paseo do Malecón, cun amplo programa de actividades e coa participación de 30 adegas acollidas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Durante tres xornadas, as catas e actividades arredor do viño serán as protagonistas do evento, que tamén contará cunha zona gastronómica composta por 12 postos nos que se ofrecerán produtos locais como queixos, xamóns, xeados e pratos elaborados por restaurantes de Monforte.

No apartado musical, o venres 4 celebrarase a inauguración oficial coas actuacións do grupo Searas e da cantante Lucía Pérez. O sábado 5 será a quenda de A Banda da Loba, nunha programación que busca reforzar o vínculo entre a cultura galega e a música.

O programa inclúe tamén obradoiros temáticos e unha masterclass a cargo de Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy. Todas as actividades de cata serán gratuítas, aínda que con prazas limitadas e reserva previa.

Para os máis pequenos haberá un espazo infantil con contacontos, obradoiros e teatro. E para quen desexe coñecer de preto a viticultura da Ribeira Sacra, organizaranse dúas “Vinorutas” polos ríos Sil e Miño, que incluirán visitas a adegas, paseos en barco ou zodiac e catas guiadas.

⚙ Configurar cookies
0.1654040813446