Lucía Rivera levará o seu espectáculo por primeira vez ao Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria

O promotor do XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, Roberto Lolo, vén de confirmar a participación dunha nova estrela no cartel desta edición. Trátase de Lucía Rivera, unha das figuras máis recoñecidas do panorama máxico internacional, que actuará por vez primeira no evento entre os días 18 e 24 de agosto cun espectáculo completamente novo e nunca visto antes en Sarria.
O organizador destacou a ilusión e o esforzo que puxo a artista cubana para poder estar presente no festival, así como o cariño demostrado cara ao público sarrián. Sen desvelar detalles sobre a súa proposta escénica, Lolo asegurou que será un show que deixará ao público “coa boca aberta” e agradeceu á maga a súa implicación por enriquecer o certame co seu talento e arte.
A chegada de Lucía Rivera supón un dos pratos fortes dunha programación que continúa a consolidar a Sarria como un referente internacional da maxia, reunindo artistas de primeiro nivel e espectáculos únicos ao longo dunha semana chea de ilusións e sorpresas.
VALORACIÓN DO ORGANIZADOR SOBRE O FESTIVAL
Roberto Lolo, promotor e organizador do XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, explicou que esta edición tan especial durará sete días: “Ao ser unha edición tan sinalada, ampliamos a duración só este ano, para celebrar o aniversario e para que todo o mundo que queira poida achegarse”, sinalou.
Roberto destacou que a programación virá cargada de propostas para todos os públicos, cunha atención especial aos máis pequenos: “Haberá máis actuacións, máis cousas pensadas para os cativos e espectáculos deseñados especialmente para que gocen da maxia como nunca. Vai haber tamén localizacións novas, que creo que van gustar moito, porque son espazos moi chulos para ver maxia”.
Outro dos grandes atractivos será a presenza de artistas inéditos na vila: “Traemos artistas que nunca viñeran a Sarria e haberá sorpresas. A xente vai flipar, estou con vencido. O festival está consolida do, pero sempre hai que innovar, aportar ideas novas, ofrecer novidades para que o público teña algo diferente cada ano”.
Ademais, subliñou a súa importan cia para a economía local: “Moita xente vaise quedar toda a semana e van facer vida aquí, comer, pasear, participar... Ao final, non só a xente de Sarria o desfruta, senon tamén moitas máis persoas, e iso é marabilloso, porque somos moi tos máis nesta familia.
Sarria benefíciase economicamente, e ese é tamén un dos meus obxectivos: que, facéndoo aquí, haxa movemento turístico e económico, e que o pobo saia beneficiado”. O organizador quixo rematar cun agradecemento aos que fan posible o evento: “Quero dar as grazas a todos os colaboradores, ás administracións, ao Concello e á Xunta. Sen eles, isto non sería posible”.