Lugo acolleu a Final Galega da XXVII Olimpíada de Matemáticas

Lugo acolleu a Final Galega da XXVII Olimpíada de Matemáticas, organizada por Agapema, que reuniu na cidade 41 estudantes de Galicia de segundo da ESO, entre eles cinco estudantes do IES Río Cabe de Monforte, do IES Gregorio Fernández de Sarria e dos IES Ollos Grandes e Ánxel Fole de Lugo.
As probas celebráronse pola maña no Círculo das Artes, e pola tarde, o Pazo de San Marcos acolleu o acto de clausura, onde se coñeceron os resultados das probas.
A deputada de Cultura, Iria Castro; a concelleira de Participación de Lugo, Cristina López, e representantes de Agapema entregaron os premios a estudantes de centros de Compostela, Vigo e Ourense, que representarán Galicia na proba estatal.
A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación colaborou coa Asociación Gallega del Profesorado de Educación Matemática (Agapema) na organización desta cita, que trouxo a Lugo tamén a familiares do alumnado, que aproveitaron a xornada para visitar o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) e o Museo Provincial de Lugo.