Luís de Fabete

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
6 Feb 2024

Por Raúl Río.

Xosé Luís Teixido Comba naceu no ano 1949 na casa de Fabete da aldea da Reboira, polo que tamén é coñecido como Luís de Fabete. Este veciño da parroquia de Díaz Castro é unha persoa amante e coñecedor da natureza, das plantas e dos animais, dos que sabe até os seus nomes científicos. Ademais dunha gran enciclopedia vivinte que coñece moitas historias e a xeografía dos Vilares é tamén un artimañas que aprendeu facer de todo naquel tempo no que os cativos tíñamos que construír os nosos propios xoguetes e, agora, o mesmo restaura unha casa de pedra que un coche antigo, dándolle valor a todo o que toca. Sempre se interesou por saber como funcionaban as cousas e quería verlles as tripas desmontándoas para logo poder facelas.

Xa de neno era un argalleiro e fixo un carrete de pescar de madeira para poñer nunha cana de bambú, pero o que mais lle gustaba, cando ía coas vacas, era facer pequenos encoros nos regos con pedras e con lousas e despois poñía un muíño que daba voltas coa auga.

Aprendeu as primeiras letras na escola habaneira dos Vilares, na que so estivo un ano con don Andrés Pérez Carballeira, do que garda un grato recordo, pero ao ano seguinte pasou á escola de Drada porque lle quedaba mais cerca. Cando rematou a escola empezou a estudar electrónica por correspondencia en “Eratele” de Barcelona, á que lle mercou catorce libros grosos e logo mandáballe o material electrónico correspondente a cada capítulo para facer os exercicios prácticos. Di que era un sistema moi doado e que non aprendía quen non quería. Despois, cando rematou o curso, mercaba todas as pezas necesarias e montaba radios e televisores para os veciños; un dos primeiros televisores que fixo foi para a casa de Díaz Castro.

Máis tarde, en 1970, montou un taller de electrónica en Guitiriz, pero debido a súa bonhomía preocupábase mais polo servizo aos clientes que de gañar cartos. Gustáballe a electrónica pero rematou canso. Sempre conseguiu facer funcionar un aparato, pero xa vía que a reparación electrónica íase acabar e hoxe xa non se amaña nada. Ademais, ninguén quería amañar aparellos, debido a que levaba moito tempo dar co compoñente do circuíto que fallaba, polo que en 2002 deixou o taller, para traballar de capataz nunha contrata de Telefónica e un ano mais tarde encargouse do mantemento eléctrico, electrónico e doutras ramas no “Grupo Teixido”.

No ano 2006 foi elixido Presidente do monte comunal da parroquia dos Vilares, un cargo público que, estivera quen o estivera ocupando, sempre se oíron mais ou menos críticas pola forma de gobernar a Asociación (con razón ou sen ela, que este que escribe non entra niso), pois é difícil que a labor de Presidente sexa recoñecida por todos os socios do monte, sen embargo nunca oín que fixeran unha crítica contra Luís. El pasou desapercibido, non porque non traballara, pois cando colleu a presidencia xa pensaba que calquera cargo público ten que mirar polos intereses colectivos da sociedade e non polos seus intereses particulares, que había que darlle aos socios as contas moi claras dos ingresos e dos gastos, procurando que a xente non tivera motivos que crearan desconfianza, así que lle podemos aplicar ese dito futbolístico de que o mellor árbitro é o que pasa desapercibido.

A súa intención era producir madeira na maior parte posible do monte, pois sabía que das novecentas e pico hectáreas que tiñan, centos delas estaban a toxos e non producían madeira, pois había moitas calvas que non estaban plantadas, polo que quería plantalas todas, aproveitando as subvencións públicas que tiñan daquela. Durante a súa presidencia plantou sesenta e cinco hectáreas sen coste adicional, pero non consideraba suficiente o apoio dalgúns socios, polo que no 2010 deixou a presidencia e aínda que lle pediron que se presentara outra vez negouse rotundamente.

Debido ao desempeño dese cargo e haber nacido cerca do cordal de Montouto, coñece, como xa dixemos, a súa xeografía, as lendas, as impresionantes rochas e as súas mámoas; incluso, no ano 2016, descubriu a mámoa das Carriceiras, descoñecida até esa data. No outubro dese ano, fixo de cicerone nunha andaina guiada que organizou a Lareira de Soños por esa serra, para ver as lindes do monte a as súas rochas e foi unha marabilla escoitalo.

Agora, desde que se xubilou, a súa grande afección é a fotografía, viaxa polas costas e montañas de toda Galiza para fotografar os lugares mais fermosos da nosa xeografía, que gañan mais fermosura aínda nas súas fotos. É un gran especialista en fotografar animais e aves, coas que ten moita paciencia e algunha complicidade para que non escapen e incluso lle amosen amigablemente a súa mellor face, conseguindo unhas preciosas fotos que xa foron expostas na escola habaneira de Guitiriz, na biblioteca de Xermade e na Asociación de veciños de Cospeito, organizadas tamén pola Lareira de Soños.

Todo un artista.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1568648815155