Luisje Carretero, da asociación Lóuzara Xabreira: “Estamos ilusionadas por poñer en valor o Val de Lóuzara”

SarriaXa
Nace a Asociación Cultural Lóuzara Xabreira Terra Saudosa de Samos da man de Maruja como presidenta, Luije Carretero como vicepresidente, Sandra de Gundriz como tesorera, Elena de Outonín como secretaria e Eloy do Aserradero como vogal
Maruja-Asociación-Cultural-Lóuzara-Xabreira-Samos
15 Mar 2026

Jessica Fernández

O Val de Lóuzara é un dos puntos paisaxísticos máis interesantes da comarca de Sarria e por fin conta cunha asociación que ten o obxectivo de impulsalo, darlle valor e poñelo no mapa. Luisje Carretero, samanense de adopción, explica que a asociación xorde “da necesidade de unir persoas do Val que teñen as mesmas intencións e inquedanzas por promocionar esta zona de Lóuzara e as súas posibilidades”. Destaca que son persoas “ilusionadas por poñer en valor o val e mostrar que nos sentimos orgullosas del”. Así, decidiu poñer en marcha unha asociación de ámbito nacional, Amanecer, á vez que daba de alta a Asociación Cultural Lóuzara Xabreira para poder “traballar para a realización de fins concretos no Val e nas terras de Samos”

Tras unha busca exhaustiva de persoas do val que quixeran formar parte da asociación Luisje destaca a Maruja, que “me preguntou se podía axudar en algo; polo que decidimos que ela asumira a Presidencia da asociación”. Luisje destaca que Maruja “é unha persoa incrible e moi activa. Sempre está na horta, cos animais, é servicial e simpática”. Así, nace esta asociación, na que queren promover actividades bonitas no Val de Lóuzara e cos seus veciños.

Así, a Asociación Cultural Lóuzara Xabreira está a traballar na definición dunha serie de propostas que teñen como obxectivo dinamizar a vida social e cultural do Val, partindo sempre do respecto polas iniciativas xa existentes. A prioridade será apoiar e reforzar os eventos que xa se celebran, moitos deles con cada vez menor participación, co fin de contribuír á súa continuidade e revitalización.

PRINCIPAIS PROPOSTAS

Entre as liñas de acción que se valoran a medio prazo, e sempre desde a calma e a escoita activa das persoas implicadas, destaca a creación dun grupo de voluntariado orientado ao acompañamento das persoas maiores do Val. Esta iniciativa nace coa intención de ofrecer apoio e compañía, favorecendo a creación de vínculos e espazos de encontro. Está prevista tamén a posibilidade de facilitar transporte a aquelas persoas que teñan dificultades para desprazarse, así como a organización de reunións periódicas con actividades adaptadas ás súas necesidades. A asociación considera que as persoas maiores representan unha fonte inmensa de experiencia e sabedoría, e que este proxecto pode converterse nunha proposta profundamente humana e enriquecedora para toda a comunidade. Por iso, tamén propoñen recuperar a Festa das Persoas Maiores.

Outra das propostas é a recuperación da tradicional Festa das Castañas de Paredes, sempre contando co visto bo das persoas que a impulsaron no seu momento. O obxectivo é manter viva esta celebración respectando a súa historia, o seu significado e o seu carácter ancestral, ao tempo que se rende homenaxe ao papel fundamental que a castaña tivo na economía e na cultura do Val.

No ámbito ambiental e patrimonial, a asociación tamén estuda poñer en marcha o programa “Toma Castaña”, centrado na recuperación de soutos cedidos por propietarios e propietarias. A iniciativa contemplaría a posibilidade de apadriñar castiñeiros mediante unha achega anual, ofrecendo a cambio castañas e visitas guiadas ao Val. Este proxecto podería contar coa colaboración da asociación Amanecer. Os fondos recadados destinaríanse á limpeza, restauración e coidado dos soutos, promovendo sempre un modelo baseado na cooperación, no beneficio colectivo e na posta en valor do patrimonio natural, afastado de calquera finalidade de lucro individual.

OS SOCIOS

Para facerse socio ou socia da Asociación Cultural Lóuzara Xabreira será necesario agardar a que a entidade dispoña do seu CIF e dunha conta bancaria operativa, momento no que se abrirá o proceso formal de inscrición. A partir de entón, todas aquelas persoas interesadas poderán incorporarse ao proxecto e contribuír ao seu desenvolvemento. A asociación subliña que calquera achega, xa sexa en forma de información, colaboración puntual ou implicación directa nas actividades, será moi benvida. A cota anual establécese en 20 euros para o ano 2026.

As persoas socias terán dereito a propoñer actividades, suxestións ou melloras nos procedementos internos, así como a participar nas decisións que se sometan a consenso. Tamén poderán organizar e liderar actividades, sempre que estas sexan presentadas e aprobadas pola Xunta Directiva.

A intención é ser unha asociación participativa e transparente: se unha persoa socia formula unha proposta, a Xunta valóraa, decide sobre a súa aprobación, e a persoa promotora asume a organización e coordinación da actividade e o resto colabora de maneira voluntaria. O propósito fundamental é sumar esforzos, fortalecer a unión veciñal e traballar de forma conxunta polo ben común.

En canto ao espazo de encontro, acordouse priorizar a obtención dun local en réxime de cesión, descartando a súa adquisición en propiedade ou alugueiro. A finalidade é contar cun lugar estable onde celebrar reunións, organizar actividades e fomentar a convivencia. Entre as primeiras opcións que se están a valorar figuran a Escola de Paredes e a Reitoral de Campos. Para avanzar nesta liña, prevese iniciar xestións co actual equipo de goberno do Concello e coa Igrexa, a través do Padre Miguel, co obxectivo de estudar a viabilidade da cesión dalgún destes espazos.

0.12588810920715