Máis de 1,5 millóns de euros do orzamento do Concello de Sarria destinaranse á residencia de maiores

SarriaXa
Máis de 1,5 millóns de euros do orzamento do Concello de Sarria destinaranse á residencia de maiores
residencia maiores sarria
26 Xan 2023

O Concello de Sarria elaborou un proxecto de orzamento da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme para o exercicio de 2023, que contará con 1,5 millóns de euros coa finalidade de mellorar o funcionamento do centro e a atención aos residentes, principalmente a través do incremento do número de traballadoras e da adquisición de novo equipamento.

A maiores, o goberno local achegará 353.000 euros ao organismo autónomo para completar os 1,18 millóns de ingresos previstos polas cotas aportadas polos usuarios a través do pagamento dos prezos públicos, xunto con outros 4.500 euros pola prestación de servizos asistencias de acompañamento aos residentes.

Gastos na Residencia Nosa Señora do Carmen

No apartado de gastos, o concelleiro responsable da xestión da residencia, Félix Seijas, destaca o incremento na contratación de traballadores, que ascende a 1,1 millóns de euros e que "permitirá pasar de 31 a 47 traballadoras para cumprir as ratios que establece a Xunta de Galicia, o que redundará nunha mellora substancial da calidade asistencial".

Por outra banda, os gastos correntes en bens e servizos serán de 423.000 euros, sendo as partidas máis relevantes as de produtos alimenticios (140.000 euros); maquinaria, instalacións técnicas e utensilios (80.000 euros), produtos de limpeza e aseo (25.000 euros) e gastos en enerxía eléctrica, gas e combustibles (67.000 euros).

"Prezos xustos"

Félix Seijas tamén anticipou que a Comisión Especial de Contas convocada para este venres ás 13.30 horas abordará unha modificación da ordenanza reguladora do prezo público do servizo de atención residencial, que terá un custo de referencia de 1.460 euros para as persoas dependentes e de 1.125 euros para as non dependentes.

"O obxectivo é establecer prezos públicos que sexan socialmente xustos, porque ata agora había custos fixos en función de se os usuarios eran válidos, semiválidos ou asistidos, sen ter en conta o seu nivel de renda. Pretendemos que o cálculo do custo se realice en función dos seus ingresos e do seu patrimonio, asumindo a parte restante o concello a través da fórmula do copago, tal e como fai a Xunta de Galicia coas residencias concertadas ou a Deputación de Lugo nos centros da súa rede provincial", argumentou Félix Seijas.

Rematou dicindo que "a xustiza social non trata de que os que teñan máis paguen máis, se non que paguen o custo íntegro do servizo, mentres que a aqueles que carecen de recursos poidamos axudarlle cos recursos públicos", declarou.

0.15338206291199