Máis de 214.000 euros destinados a mellorar a praza pública de Pacios de Paradela
A praza pública de Pacios de Paradela contará con máis de 214.000 euros destinados desde a Xunta de Galicia para a súa mellora, tal e como recolle o convenio asinado o pasado mes de marzo entre o Goberno autonómico e o Concello.
A actuación, que conta cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo mellorar a praza localizada diante da antiga casa do concello, un espazo con escaso equipamento urbano e fortemente delimitado polos peches das propiedades privadas.
Así, a obra consistirá na pavimentación do solo con pedra, na reparación de sumidoiros e a incorporación de alumeado e mobiliario urbano, como bancos de pedra e papeleiras.
Plan Hurbe
Esta actuación acometerase ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.
Deste xeito, a Xunta financiará o 70 % da obra e o concello asumirá o 30 % restante. Ao abeiro deste plan, Paradela tamén puido humanizar e dotar de equipamento público por un importe de máis de 153.000 euros á rúa Galicia, á rúa da Escola e á rúa Cabaleiros de Santiago.