Máis de 67.500 persoas visitaron a Rede Museística Provincial no 2023

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
O centro máis visitado foi o Museo Provincial de Lugo, ao que se achegaron 37.
9 Jan 2024

O centro máis visitado foi o Museo Provincial de Lugo, ao que se achegaron 37.600 persoas, seguido polo Museo do Mar, en Cervo, con preto de 16.000 visitantes.

A Rede Museística Provincial recibiu en 2023 máis de 67.500 visitas nos catro museos que a forman. O centro máis visitado foi o Museo Provincial de Lugo, ao que se achegaron 37.600 persoas, seguido polo Museo do Mar, en Cervo, con preto de 16.000 visitantes; o Museo Etnográfico Fortaleza San Paio de Narla, con 7.500 visitas; e o Pazo de Tor, que sumou 6.300 visitantes.

A deputada de Cultura, Iria Castro, celebrou esta cifra, que supón un aumento de máis do 5 % con respecto a 2022, cando se rexistraran 63.650 visitas, e valorou o traballo desenvolvido polo persoal dos museos “na conservación, estudo e promoción do patrimonio, cunha destacada actividade expositiva, centrada na arte galega contemporánea, e unha ampla axenda de actividades dirixidas a recoller e integrar a memoria de persoas anónimas na museoloxía, a través dun contacto estreito e continúo con distintos colectivos sociais”.

Segundo os datos recollidos, o 45 % dos visitantes dos centros xestionados pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo chegaron desde distintos puntos de Galicia, mentras outro 45 % procedían doutros puntos do Estado, maioritariamente de Madrid, Castilla y León e Andalucía.

As visitas internacionais supuxeron o 10 % das persoas que se achegaron aos museos provinciais, destacando na listaxe de países de procedencia Estados Unidos, Reino Unido, Portugal, Alemaña, Arxentina ou Italia.

Exposicións temporais

A Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo acolle ata o 4 de febreiro a exposición retrospectiva 'Leopoldo Novoa. O silencio da pintura', que inclúe 32 obras entre cadros e libros ilustrados polo artista pontevedrés, unha das grandes referencias da arte abstracta tanto dentro como fóra de Galicia na segunda metade do século XX.

Ademais de homenaxear a traxectoria de Leopoldo Nóvoa, no último ano, a actividade expositiva do Museo Provincial de Lugo centrouse na promoción e divulgación da arte galega contemporánea con fitos como a inauguración da Sala Monográfica Tino Grandío, na que se se expoñen as obras máis representativas do pintor lucense, a mostra da pintora coruñesa 'María Corredoira' no segundo trimestre do ano ou a mostra retrospectiva sobre o escultor sarriao José Díaz Fuentes 'A árbore interior', nos primeiros meses de 2023.

Sestercio da caetra

No 2023, o Museo Provincial de Lugo reforzou tamén o seu posicionamento como centro de referencia internacional no estudo da romanización coa adquisición do sestercio da caetra, unha moeda acuñada no século I a.C. e da que se coñecen só tres exemplares no mundo.

Neste inicio de ano, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovará a Sección de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo para expoñer de forma permanente esta peza, acuñada no campamento militar que deu orixe á cidade.

Xornada sobre educación e museos

No ano que entra, a Rede Museística Provincial acollerá do 3 ao 5 de xullo as Xornadas Internacionais sobre museos e educación, na que se exporán experiencias para a difusión de patrimonio e cumprimento dos dereitos culturais desenvolvidas nunha decena de museos do Estado entre os que figuran o Museo do Prado, o Museo Arqueolóxico ou o Museo de Altamira, o Museo do Pobo Galego ou o Museo de Pontevedra.

No encontro, con sede compartida entre os catro museos provinciais, daranse a coñecer materiais e estudos que se están a desenvolver nestes meses por parte dunha ampla rede de investigadores universitarios, profesorado de secundaria e xestoras de museos e que teñen como obxectivo promover mudanzas no enfoque da educación histórica con novas narrativas creadas a partir do patrimonio dos distintos museos.

0.084300994873047