Máis de 70 nenos e nenas participarán no Campus de Nadal do CB Sarria
A presidenta e o director deportivo do CB Sarria, María Jesús Arias e Miguel Ángel Hoyo, presentaron na sede territorial da Xunta en Lugo a segunda edición do Campus de Nadal, dirixido a rapaces e rapazas nacidos entre os anos 2007 e 2017.
Nesta edición, que se celebra do 26 ao 29 de decembro, xa se inscribiron máis de 70 nenos e nenas para participar neste campus, que ofrece dúas modalidades: unha interna con aloxamento e outra externa con asistencia durante o día pero sen durmir nas instalacións.
Os adestramentos contarán con persoal experto que lles axudará aos nenos e nenas a mellorar as súas habilidades na práctica do baloncesto. A programación complétase con outras actividades deportivas, lúdicas e recreativas para fomentar o traballo en equipo e a convivencia entre os participantes.
O delegado territorial, Javier Arias, felicitou ao club sarriao por “darlle continuidade a esta iniciativa que lles facilita ás familias a conciliación” e ao mesmo tempo ofrécelles aos cativos e cativas “unha excelente oportunidade de desfrutar do deporte e doutras actividades que fomentan a participación e a convivencia”.