Máis dun cento de persoas reivindica o 8M no Pazo de San Marcos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres as I Xornadas Feministas = Igualdade que impulsa a institución e que nacen “dentro da nosa vontade de ir ampliando e mellorando ano tras ano as accións que impulsamos en favor da igualdade, como unha administración aberta, sensible e comprometida”.
xornadas feministas deputacion lugo
8 Mar 2024

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres as I Xornadas Feministas = Igualdade que impulsa a institución e que nacen “dentro da nosa vontade de ir ampliando e mellorando ano tras ano as accións que impulsamos en favor da igualdade, como unha administración aberta, sensible e comprometida”.

Máis dun cento de persoas participaron este venres nas I Xornadas Feministas = Igualdade que organizou a Deputación de Lugo con motivo do 8M no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Unha cita que inaugurou o presidente da institución provincial, José Tomé Roca, sinalando que nacen "dentro da nosa vontade de ir ampliando e mellorando ano tras ano as accións que impulsamos en favor da igualdade, como unha administración aberta, sensible e comprometida coa sociedade á que representa”.

Unhas xornadas “con clara vocación de continuidade, que queremos ir consolidando nos vindeiros anos como un espazo de debate, de reflexión e de concienciación para seguir avanzando en igualdade” e que tal e como sinalou Tomé Roca “combinan o análise de temas de fondo calado co mellor da nosa cultura, para chegar a toda a cidadanía, pero centrándonos moito na mocidade”.

“O feminismo é un compromiso do conxunto da sociedade que debemos seguir fortalecendo entre todas e todos, e, dende logo, as institucións públicas debemos ter un papel esencial neste camiño”, valorou o Presidente, para quen feminismo é “garantir o dereito ao aborto e loitar contra a violencia machista, pero tamén crear servizos públicos como as escolas infantís ou as residencias de maiores, que faciliten a incorporación ao mercado laboral de tantas mulleres que ven aínda os seus proxectos persoais lastrados pola presión social de encargarse de xeito maioritario da crianza dos nenos e do coidados dos maiores”.

Tomé Roca explicou que por ese compromiso co feminismo “na Deputación impulsamos medidas como o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades na historia desta institución provincial; facemos unha aposta prioritaria polos servizos públicos; e incorporamos de xeito transversal a perspectiva feminista a todas as nosas políticas públicas”. Un sesgo transversal que “ten en conta a realidade da nosa provincia porque as situacións e as necesidades das mulleres non son as mesmas nas vilas que no rural; e que na terceira idade poden xurdir desigualdades novas ou acentuarse outras. Por iso, a nosa programación do 8M desenvólvese tamén nos 9 Centros de Atención a Maiores que temos en servizo”. O Presidente abundou na importancia de apostar pola formación dos máis novos para avanzar no camiño da igualdade, sen esquecer a situación das mulleres maiores.

Unha programación dinámica

A música de Sheila Patricia, referencia na canción de autora en Galicia, vertebrou unha xornada durante a que a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; a Concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira; e a presidenta do Foro Feminista de Lugo, Carmen Díaz Simón, protagonizaron unha mesa redonda na que compartiron as súas experiencias vitais e profesionais e intercambiaron puntos de vista sobre como a política pode e debe cambiar as cousas.

Seguidamente, a xurista especializada en Dereito de Familia a en Dereito Comunitario pola Escola de Práctica Xurídica da Universidade Complutense de Madrid, Altamira Gonzalo Valgañón, ofreceu unha conferencia na que baixo o título Feminismo é igualdade compartiu parte da sabedoría que adquiriu nos postos de responsabilidade, como no Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero, o Instituto da Muller de Castela A Mancha ou o Instituto Aragonés da Muller.

A socióloga e investigadora Silvia Fernández Freire, que ten máis de 20 anos de experiencia investigando sobre a violencia sexual, ofreceu a conferencia O marco feminista da abolición da prostitución, expoñendo unha visión moi ampla sobre esta realidade.

Pechou a xornada a cómica e dramaturga feminista Patricia Sornosa co monólogo Desapareza aquí, demostrando a súa arte de utilizar o humor combativo para loitar contra o machismo e romper estereotipos e roles.

Concertos Con Voz de Muller

A Deputación de Lugo organiza tamén o ciclo de concertos Con Voz de Muller, que arrancou no ano 2022 co fin de achegar aos concellos da provincia música en feminino. En total, serán catro actuacións gratuítas todos os sábados deste mes de marzo, ás 20.00 horas:

  • 9 de marzo Zoelas actuará na Casa da Cultura de Antas de Ulla
  • 16 de marzo Agoraphoia, na Casa da Cultura de Burela.
  • 23 de marzo Susana Seivane, na Escola Habanera de Guitiriz.
  • E o 30 de marzo Cantar Delas, no Salón de Actos Municipal dos Chaos da Fonsagrada.

Actividades nos Centros de Atención a Maiores da Deputación

A Deputación de Lugo tamén organiza un conxunto de actividades arredor do 8-M nos 9 Centros de Atención a Maiores que ten en funcionamento. Unha delas consiste na elaboración duns atrapasoños, que se difundirán polas propias vilas co lema Ponte nos nosos pés. A maiores, haberá actividades propias de cada unha das residencias, como coloquios, gravacións de vídeos e exposicións fotográficas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15471887588501