Manuel F. Rodríguez será o pregoeiro da 3ª Festa do Peregrino de Triacastela
A celebración terá lugar o vindeiro 16 de xullo e inclúe unha exposición, a presentación dun libro, música e diferentes actividades para nenos e maiores.
O Concello de Triacastela celebrará o vindeiro 16 de xullo a terceira edición da Festa do Peregrino, cuxo pregón correrá a cargo do xornalista, investigador e técnico do Xacobeo, Manuel F, Rodríguez, natural de Sarria.
O Goberno local destaca a súa dilatada traxectoria de promoción cultural, asociacionismo e investigación e, sobre todo, o seu traballo a prol da promoción e mantemento do Camiño de Santiago a través da súa participación na xestión do Plan Xacobeo.
Programa
A celebración dará comezo ás 11.30 horas coa apertura dos postos de artesanía na Praza da Deputación e animación na rúa a cargo do grupo Gaitas Xiada e Panderetas Xiadiña.
Ás 12.00 horas farase a inauguración da exposición Cova Eirós na Fonte do Lunar.
Ás 12.30 horas levarase a cabo a presentación do libro da autora local, Mirella López Díaz, Breicar en el Camino de Santiago.
De seguido, Manuel F. Rodríguez pronunciará o seu pregón ás 13.00 horas.
Ás 16:00 horas será quenda do obradoiro creativo ‘Escultura Kaos’ e ás 17.00 horas levarase a cabo o taller de impresión de papel Amorote.
Ás 19.00 horas haberá un espectáculo de títeres tradicionais, Dona barriga verde a cargo de Larraitz Urruzola.
A xornada remata coa actuación musical da banda de rock Sound Sisters.
A rexedora, Olga Iglesias, anima a participar neste evento que pretende ''manter viva a chama do Camiño Francés'' e enxalzar ''a tradición xacobea de Triacastela, final de etapa dende o Códice Calixtino''.
“Vai ser unha homenaxe ao Camiño e a todas as persoas relacionadas con el, tanto as da localidade como as que cada ano chegan ata Triacastela”, afirma. Destaca ademais a importancia de contar cun programa pensado para todos os públicos e de todas as idades.