Manuel Rodríguez, escritor: “Sarria foi o motivo polo que me interesei polo Camiño de Santiago”
Por Jessica Fernández.
Manuel Rodríguez Fernández, que sempre firmou como Manuel F. Rodríguez e así o coñecen, é de Sarria, concretamente de Barbadelo, onde pasou toda a súa infancia ata que marchou a Santiago de Compostela a estudar xornalismo.
Despois de traballar en varios medios de comunicación, no ano 1993 propuxéronlle levar a comunicación do Xacobeo 93 e seguiu nese ámbito o resto da súa vida ata que se retirou, hai ben pouco, xa que dende ben pequeno xa tivo interese por todo o relacionado co Camiño de Santiago.
“Empecei a investigar sobre temas do Camiño de Santiago porque no ano 1976 fixen o Camiño de Santiago desde Sarria a Santiago cun grupo de amigos, sendo pioneiros en facer o Camiño. Xa coñeciamos o Camiño e sabiamos que pasaban peregrinos e iso activounos a mentalidade adolescente. De aí parte o meu interese polo Camiño de Santiago e logo cando empezo a traballar no Xacobeo tomeino como un tema laboral, pero tamén como un complemento ao meu interese persoal, polo que motivou a empezar a investigar e escribir sobre o tema”, explica.
Manuel Rodríguez escribiu arredor de 500 documentos relacionados co Camiño de Santiago, como artigos, un libro sobre os anos santos composteláns (Los años santos compostelanos del siglo XX. Crónica de un renacimiento), guías do Camiño (Os Camiños de Santiago en Galicia) e desde A Coruña a Santiago (A Coruña, el puerto del Camino de Santiago. Guía para los peregrinos)... Pero do que máis orgulloso se sente é dunha obra é a gran enciclopedia do Camiño de Santiago (Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea) e que conta con 3.000 entradas. “Publicouse en 10 tomos en 2010 e isto deu lugar á Xacopedia na web de Turismo de Galicia, pero agora está sen actualizar desde 2009, sen mellorar e sen ampliar, e estou loitando por actualizala”, sostén o escritor.
A cruz de Alfonso III, o ‘late motiv’ da obra El viaje al fin del mundo. Los buscadores’
Ademais de xornalista, Manuel Rodríguez vén de converterse nun escritor de novela de ficción despois de publicar a súa obra El viaje al fin del mundo. Los buscadores que, tal como explica, xa se publicara en galego en 2016 baixo o nome de ‘A viaxe á fin de mundo’, con moi bos resultados, pero quixo publicala tamén en castelán para “chegar a máis xente e porque unha editorial de Madrid mo pediu e fun eu traducindo e adaptando todo pouco a pouco e ata agora”, comenta.
Esta novela trata do roubo da cruz de Alfonso III, un misterio que descubriu tras investigar moito sobre todo o relacionado co Camiño de Santiago. Esta cruz asturiana que non posuía a imaxe de Cristo, estaba nun retablo na Capela das Reliquias da Catedral de Santiago de Compostela no ano 1906 despois de ser case destruída por moitos, segundo conta a historia. Así, cóntase que a cruz era de orixe medieval e que estaba recuberta orde pedras preciosas e ouro, pero foi perdendo todo ata que a puxeron na Capela da Catedral de Santiago, sendo adorada polos peregrinos que chegaban.
A novela está protagonizada por un xornalista que investiga este suceso do ano 1906 “porque eu sei como traballa un xornalista, non sei como é o traballo dun detective”, explica Manuel Rodríguez, e “ten moito contido, con varias personaxes entrelazadas en tres temos diferentes e con tramas e subtramas”.
Concretamente, a novela céntrase no roubo da cruz do ano 1906, relaciona este suceso cun acaecido no ano 1921 no que arde completamente o retablo onde estaba a cruz, e un terceiro momento en 2006, momento no que o propio escritor descubriu esta historia e quixo escribir dela, pero pasou o tempo e deixouno pasar. Así, a trama da novela dura un século e na mesma preséntanse arquetipos de personaxes de peregrinos de Santiago, así como confraternidades que tiñan unha unión mística co Camiño. Ademais, a historia tamén ten tres localizacións principais: Santiago, Fisterra e Vilagarcía de Arousa.
A novela xa foi presentada en diferentes localizacións, como Madrid, Sarria, Cee, Fisterra, Burgos, Lalín... e cre que as iniciativas de presentacións de libros e clubs de lectura son interesantes porque “axudan a coñecerte”, sostén.
Sarria como punto de partida da inspiración do autor
Segundo Manuel Rodríguez, Sarria foi o motivo polo que se interesou por facer o Camiño de Santiago, xa que o fixeron desde Sarria e sempre lle interesou e lle chamou a atención que pasaran peregrinos de todas as partes do mundo pola súa vila desde a idade Media. Ademais, xusto antes de facer esa peregrinación xa lera o primeiro libro sobre o Camiño, publicado no 1965 O Camiño de Santiago pola provincia de Lugo.
Por outra parte, explica que “teño unha relación moi intensa con Jorge, da Asociación de Amigos do Camiño de Sarria, e foron eles quen xestionaron todo para a presentación do libro en Sarria. Eu sempre estiven moi vinculado a eles porque colaboran intensamente con todo o vinculado á comarca de Sarria en materia de Camiño de Santiago”. Así, en 2008 recibiu o premio a Padriño de honra da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria.
Con respecto aos proxectos futuros, di que despois do verán sacará outra novela neste caso tamén sobre un xornalista “ao que lle pasan cousas estrañas e que el mesmo se pon a investigar esas cousas que lle pasan e acaba resolvendo, é unha novela que mestura misterio, thriller, de relacións co máis alá, por ese mundo tan galego”, explica.
Pero o que é seguro para Rodríguez é que seguirá investigando e escribindo sobre o Camiño de Santiago e todo o que ten que ver con el, co fin de seguir promovendo a cultura e o coñecemento da historia, o que lle deu tamén a posibilidade de gañar o VI Premio Internacional Aymeric Picaud á Divulgación do Camiño de Santiago, concedido por unanimidade pola Liga Española de Asociacións de Prensa do Camiño de Santiago pola súa traxectoria a favor da difusión da ruta xacobea en 2019.