Manuel Rodríguez: “O máis importante é a satisfacción de cando fas o traballo ben e o cliente queda contento”

SarriaXa
Por Jessica Fernández.
Vazquez Autos Sarria
28 Abr 2024

Por Jessica Fernández.

Manuel Rodríguez, xerente do negocio Vázquez Autos en Sarria, leva desde o ano 2000 á fronte do negocio de compra-venda de coches seminovos.

Como xorde a idea de crear este negocio?

Este era un negocio que xa existía en Sarria e no ano 2000 decidín collelo eu xunto con outro socio, pero ao final quedeime eu con el e empezamos a funcionar co tema dos coches, concretamente vendendo coches seminovos por Sarria e por todo a comarca, saíndo incluso a outros lugares de España, xa que temos coches que nos encargan á carta.

Que servizos ofrecen?

Vendemos coches nacionais e de importación, tamén vehículo industrial e levamos o tema dos seguros, que xurdiu hai 5 anos porque moita xente requiría financiación e seguro, e quería saír de aquí con todo o pack: co coche e co seguro. Pero, ademais, se unha persoa quere un seguro para o seu coche, pero sen levar un coche, tamén pode facelo. Facemos seguros de coches, de negocios, de casa… ou faise todo un 3 en 1.

Que tipo de coches venden?

Nós aquí traballamos moito con coches de alta gama, de marcas como Audi, Volkswagen, Porsche, Mercedes e BMW. Este tipo de coches, seminovos, non aumentaron tanto o prezo como o fixeron os de gama media ou baixa, que agora poden roldar os 8.000 ou 10.000 euros. En cambio, os de alta gama están polos 30.000 ou 35.000, que é o que che pode custar un de gama media sendo novo hoxe en día. Tamén vendemos coches de gama media, como Citröen, Renault... pero temos menos. Temos un pequeno expositor de coches, non 300 metros como os concesionarios, onde hai máis modelos de gama media, polo que ese tipo de clientes van alí.

Como son os clientes?

Hai de todo porque hoxe hai bastante onde escoller. Calquera persoa pode comprar un coche de alta gama, de marcas punteiras, porque aforran durantee moito tempo para poder compralo. Como dicía antes, un coche de alta gama de segunda man pode custar 35.000 euros, que é o que custa un coche novo de gama media, polo que moitos, xa sexan albaneis ou funcionarios, deciden apostar por un coche seminovo de alta gama, e máis se está ben o coche. Temos moitos clientes que sempre compraron novo e agora veñen a comprar de segunda man, xa que hai 20 anos non había tanto mercado de usado como agora.

Por outra parte, os nosos clientes son fieis e case sempre quedan contentos. Intentamos que estean contentos porque logo nos mandan familiares e amigos. Recoméndannos e nós temos que dar a talla. Intentamos que veña todo ben, que non haxa trampas e que non haxa problemas. E se pasa calquera cousa, estamos aí, por iso valoran moito o noso servizo postvenda.

Como é o traballo?

Na empresa traballamos dúas persoas no noso comercio na rúa Matías López de Sarria e o traballo consiste en facer as compras, a venda, encargámonos de que todo estea ben, da xestoría tamén…

O que máis traballo dá é localizar os vehículos á carta, porque hai persoas que o queren dunha forma ou doutra e intentamos traer o máis parecido ao que piden. Ademais, preparamos os coches, se hai que facerlle algo ou unha revisión, encargámonos nós de levalo ao taller e entregamos o coche con todo feito.

Hai veces que non damos a todo porque temos moito lío, por iso temos lista de espera. Non é coller un artigo dun estante, hai que buscar o coche adecuado, como hai extras hai que buscalos, e leva tempo. Temos provedores bos e temos mallado todo o comercio da compra, pero é o máis difícil porque leva uns trámites de transporte, de espera… Ademais, levamos tamén os seguros e tamén hai que facelo.

Con todo, estamos contentos, porque Sarria é unha comarca moi grande e abastecemos, en parte, o mercado da comarca de Sarria, así como vendemos moito tamén para fóra de Galicia.

Que é o que destacan como máis importante na empresa?

O máis importante para nós como negocio e traballadores é a satisfacción de facer o traballo ben, vas co coche ao cliente que quería, con boa mercancía, prefiren gastar algo máis para que saia ben e é a satisfacción de que saia ben. Estamos nisto porque nos gustan os coches, e logo ves á xente satisfeita e contenta, e que a xente volva e nos mande clientes é o máis importante.

0.17432403564453