Mar Tourón, de Logopedia Sarria: “Intento sempre ofrecer a mellor calidade dos meus servizos”
Por Jessica Fernández
Como xorde este negocio e cando?
Eu acabei a carreira no 1999 e xa tiña algún paciente que estaba esperando a que eu rematara, así que empecei traballando en domicilios, logo en casa dos meus pais tiña unha sala, logo pasei a unha clínica e, finalmente, montei o centro de Logopedia en 2005. Decidín virme aquí por ter máis espazo e porque así teño aquí todo o material que necesito, non teño que transportar obxectos. E así sigo case 20 anos despois, traballando aquí no meu negocio.
Que servizos se ofrecen?
Ofrecemos todos os servizos relacionados coa logopedia, que é unha disciplina da rama sanitaria e encárgase do estudo, prevención, detección, avaliación, diagnóstico e tratamento dos trastornos de comunicación humana as súas funcións asociadas. Así como tamén reparamos na respiración, na audición e linguaxe e na alimentación, e tratamos desde nenos pequenos, que poder ter Trastorno do Espectro Autista, ata adultos que sufriron ictus ou están a pasar por enfermidades dexenerativas e teñen problemas de comunicación porque perderon esa capacidade. Tratamos todas as patoloxías relacionadas coa fala, pero tamén coa escritura, e atendemos a persoas que veñen derivados dos dentistas e ortodencistas por sufrir unha mala situación lingual que pode producir alteracións na mordida que conleva alteracións da fala.
Con que produtos traballa?
Hoxe en día, coa implementación de sistemas tecnolóxicos ou os móbiles, tamén axudamos ao paciente, ademais dos recursos tradicionais.
Cada paciente ten un proceso diferente, entón, se o vemos necesario, poden traballar cunha tablet ou un comunicador.
Como é o traballo diario?
Hai unha comunicación directa coas familias dos pacientes. Primeiro, faise entrevista inicial na que se valora o problema que hai e fanse as avaliacións pertinente e en función diso establecemos a necesidade das sesións, que serán 1 ou 2 por semana, individualizadas, agás en casos dalgúns nenos que se poden poñer 2 xuntos para que sexa mais dinámico se encaixa, pero a intervención é especifica.
O traballo comeza desde o propio nacemento, xa que poden haber problemas de alimentación, ata persoas maiores, nas que se diagnostican casos de afasias primarias moi pronto, como unha demencia que comeza a aparecer a partir dos 50 ou 60 anos, na que se ve a perda de facultade verbais por mor do ELA, dunha demencia, ou alzhéimer… e iso conleva un tratamento de por vida.
Aumentou moito o número de persoas maiores que veñen á Logopedia e veñen a facer un labor de mantemento co fin de non perder as facultades que adquiriron. Ás veces os pacientes non son conscientes de que o importante non e recuperar, é non perder o que temos. O que facemos non é só un labor rehabilitador, tamén é un labor educativo. Porén, si que aumentou a conciencia social da necesidade de logopedas desde que comecei a traballar hai 25 anos.
E con respecto ao traballo cos nenos?
O traballo cos nenos depende da patoloxía, xa que cunha mordida aberta trabállase a base de exercicios de colocación da lingua, mentres que cos nenos máis pequenos cun retraso da linguaxe trabállase de forma máis lúdica a través de xogos, imaxes, cancións... Desta maneira, na entrada e na da sesión falamos coas familias porque o importante é que saiban como vai evolucionando e que sigan unhas pautas en casa. A fala é algo que se traballa a todas horas, polo que hai que facer un traballo detrás para xeralizar o aprendido aquí. En casa hai que controlar a lingua, a respiración…
Así como tratamos a linguaxe, tamén tratamos trastornos na escrita, xa que a dislexia, por exemplo, está moi relacionada co desenvolvemento da fala. É dicir, a fala está conectada coa escritura, polo que podemos tratar as dúas cousas xuntas. A conciencia fonolóxica é a conversación que facemos dos sons transcribindo a letras.
Por que é necesario un sitio como en Sarria?
Considero que é preciso porque hai unha demanda en Sarria. Cando eu saín da carreira non había ningún logopeda na vila e era un campo aberto. Agora, vai aumentando a poboación infantil e maior e considero que hai moito campo de traballo.
Cales son as opinións das persoas que acoden a Logopedia Sarria?
Levo 25 anos e pretendo seguir, polo que entendo que as súas opinións son, maioritariamente, positivas. Hai xente fiel que segue un tratamento de mantemento para non perder as funcións que ten e as familias dos nenos quedan contentas, xa que xeralmente os seus problemas teñen solución, aínda que abarcamos unha patoloxía moi ampla. No caso das persoas maiores, é máis complicado e ás veces é superior a nós, pero en xeral hai moitísima xente maior motivada que vén día tras día e aínda que as capacidades cognitivas diminúen, están no proceso.
Algunha novidade do sector?
Eu fórmome continuamente e intento ofrecer a mellor calidade dos meus servizos para a xente que vén. Estou contenta co meu traballo e estou continuamente participando de formacións para mellorar no meu traballo. O sector avanzou moito, hai moitas novidades e hai moita demanda, así que hai que seguir adaptándose e cambiando. Concretamente, hai avances a nivel xenético e estudos que evidencian que tratamentos que antes eran efectivos, agora non o son, polo que hai que estar sempre formándose.