Marcos Vázquez, promotor do Muvicla: “O amor por Láncara é o que me move a seguir co proxecto”

SarriaXa
Falamos con Marcos Vázquez, promotor do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria situado na parroquia de Trasliste, en Láncara, que leva 5 anos en pé desde a súa inauguración
Marcos-Vázquez,-Muvicla
22 sep 2024

Por Jessica Fernández

Que é a Casa Vázquez?

A Casa Vázquez é unha casa é unha labranza tradicional galega con máis de 200 anos de historia. Así, sempre quixen darlle continuidade a esta casa familiar e asentarme coa miña familia, pero hai uns anos xurdiu a idea de  facer un museo. Por iso, tras a construción do cortello a finais dos anos 70, no ano 2017 transformámolo conservando todos os elementos antigos da casa. Así, fomos crecendo e en 2019 inauguramos o Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla), que é, actualmente, o primeiro museo de Galicia que ten cualificación como tal ao abeiro da Lei de Museos de Galicia desde 2021, polo que é o primeiro centro museístico amparado pola Consellería da Xunta.

Ademais da casa familias e o pendello tipo feira que alberga diferentes tractores e paneis informativos, no cortello reformado atópase o salón de conferencias e unha pequena biblioteca na que se atopa outro tractor. Ademais, temos un proxector tamén de microfichas que servía para ver o despece das maquinas de forma ampliada. Agora segue sendo de utilidade porque podemos seguir vendo cousas.

Con que motivación nace o Muvicla en Trasliste?

O Museo nace nun lugar e nun tempo preciso. Eu son un apaixonado do medio rural e estamos nun momento no que é importante facerlle ver á xente a importancia do coidado do medio ambiente e do patrimonio e ver que a cultura nace da agricultura, de cultivar a terra, xa que á vez que fomos cultivando a terra, fomos cultivándonos a nós. As grandes cidades viven de costas ao campo e é importante que existan centros deste tipo para promover unha reflexión sobre o campo e manter así o campo vivo e que a xente mire ao campo porque, se non, imos mal.

Nós o que pretendemos é, con este atractivo, transmitir que a paixón polo campo e a realidade é coñecemento e integración de talento. Por ter nacido e querer isto vas pensando en como poder transmitir este amor e eu vexo que aos nenos lles gustan os as máquinas agrícolas e andar en tractor, polo que, aproveitando esa sinerxía de que a xente que vén aquí motivada polas máquinas, tamén lles transmitimos eses valores do campo. É importante que saiban que grazas aos avances na mecanización puidemos pasar de producir para 5 persoas a producir para 50.

Ademais, se nunha casa como a Casa Vázquez podían vivir daquela 15 persoas xuntas e agora as casas están mellor que as das cidades, é o momento de abandonar? Cando hai mais diñeiro ca nunca, non é momento de abandonar.

É un amante do medio rural, pero tamén da maquinaria agrícola.

O museo nace pola miña paixón, non só polo medio rural, tamén pola maquinaria agrícola, tanto é así que no 2003 restauramos o primeiro tractor, e no 2006 naceu a primeira Asociación de Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica a primeira de España, da que fun presidente fundador durante 10 anos.

No ano 2008 fixemos o Camiño de Santiago en tractor por primeira vez na historia. Cedinlle a miña dona, María, que era a única muller na ruta, xa que entramos 30 tractores en Santiago, a honra de ser a primeira en cruzar Santiago. Logo, fomos crecendo e fomos referentes en Galicia e España en restauración e mecanización clásica. Agamac naceu aquí, na Escola de Trasliste, aínda que agora o presidente é de Pontevedra porque é de ámbito autonómico, queriamos crecer e non queremos limitarnos. Somos moi dinámicas as persoas que estamos afincadas no rural e cumprimos os obxectivos da asociación.

Que actividades se realizan no Muvicla?

Temos actividades propias ou especiais doutras entidades, como as xornadas da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, outra do GDR de aquí, e logo actividades propias, como as xornadas do ‘Glamour é o do mais rural que hai’ e as xornadas de ‘Alternativas a uso do petróleo en aplicacións agrícolas’. Con respecto a esta última, presentamos o pasado 30 de xullo en Madrid o libro das tres primeiras xornadas porque leva poñente resumida a exposición e un código QR co seu documento audiovisual prologado pola miña familia. Ademais, tamén está no libro o investigador da USC, Quico Ónega, Francisco Conde e contamos co deseño dun arxentino que formou parte do Concello de Láncara, entón intentamos espallar as raíces do Concello aí onde vamos.

Cabe destacar que temos ofertas moi serias para trasladarnos ao Camiño de Santiago a unha nave de Sarria, co que multiplicaríamos as visitas, pero perde a esencia. Aquí hai centos de miles de horas investidas antes abrir o 14 de xuño de 2019 e agora estamos na senda e os visitantes son de moita calidade. Non creo que marchar do rural sexa o óptimo. Cremos que ten que estar aquí fai que a xente teña moito interese por nós.

Toda esta actividade como repercute en Láncara e na comarca de Sarria?

Isto é moi importante para Láncara porque o museo recibe 1.500 visitas ao ano rexistradas, que facemos con colexios ou institucións, pero non contamos todas as demais nas que veñen familias e particulares, polo que teriamos un 30 % máis de visitas.

Ademais, eu son traballador do Concello de Láncara e coñezo aos veciños e veciñas e ademais de ser de aquí, de gastar todo o meu esforzo físico aquí, eu amo Láncara e, ao ser traballador público, quero aos veciños e interésome por eles. O amor a todos os veciños de Láncara é o que me move a ser cada vez máis de Trasliste e seguir co meu proxecto.

Non pensabamos chegar a este nivel e ter unha exposición en pleno corazón de Madrid, entre o Retiro e o Museo do Prado. Para nós ten transcendencia e importancia.

Entón a exposición ‘Coidamos da terra. Coidamos da xente’ tivo boa acollida, non?

Ninguén contaba con ter tanta xente. Na inauguración había 70 persoas. Eu desconfiaba por ser mes de xullo e nun sitio que sempre houbo arte, meter aí un carro galego, un arado prerromano e unha limpadora... Eu non confiaba, pero o espírito galego acolleu alí 70 persoas, que foron moitas.

0.11894798278809