María Cabot, artista: “Quixen reflectir nas miñas pinturas a paz interior que se respira no rural”

Jessica Fernández
Quen é María Cabot?
Eu son Susana María Díaz Cabot. Nacín en Santiago, pero pasei toda a miña infancia nas Pontes e despois marchei a estudar a Bellas Artes a Madrid, porque daquela non existía a escola de Pontevedra. Alí estiven o tempo que estudaba e outros anos traballando, ata que decidín volver a Galicia, sempre co foco posto no rural. Así, estiven primeiro en Quiroga, logo en Sarria e finalmente acabei no Páramo.
Por que no Páramo?
Eu sempre quixen vivir no ámbito rural e vivir da horta. Buscaba un lugar onde afastarme de todo o ruído e no Páramo atopeino. Gústame moito o tema da natureza, as rutas, as flores, e gústame o entorno natural do Páramo. Tiven a sorte de que unha señora ofreceume un lugar onde vivir e quedábame preto Sarria, así que decidín vivir alí. Estou moi contenta aquí, aínda que me gusta toda a comarca de Sarria. Por exemplo, estiven en Samos cun ceramista, Lolo Fernández, que daba uns cursos de olería en Samos para recuperar o labor alí e atraeume moito esta zona, que non estaba en auxe, había pouca xente.
Artista de profesión, tamén de paixón?
Si, pinto e traballo tamén co barro. En inverno adoito pintar e no verán traballar co barro. Eu teño taller fóra, nunha palleira, e co tema das mans húmidas é mellor traballar o barro en verán. E no inverno céntrome na pintura, que é algo que fago desde que era nena, xa cuns 8 ou 9 anos nun taller dunha señora das Pontes que tiña un estudo de pintura, e é algo moi característico de min. Así, pinto a diario desde aquela e por iso decidín estudar Bellas Artes. O do barro comezou máis tarde, cando participei nuns encontros para artistas que tiñan lugar en Sargadelos, e namorei.
A súa exposición ‘Aldea’ exposta na Oficina de Turismo de Sarria que mostra?
Chámase ‘Aldea’ porque recolle elementos característicos do Páramo, o que vin cando cheguei alí. Así, empecei a pintar hórreos porque hai un, practicamente, por cada casa. Ademais, á xente gústalle conservalos, e están ben conservados. Eu creo que forman a identidade da xente do Páramo. Parecíame un nexo de unión da aldea e o rural e como eu xa pintaba flores, mesturei pinturas de flores con hórreos e tamén gatos porque hai moitos no Páramo. Tamén represento veciños da zona, como a pintura na que dous vellos están pousados sobre unha porta en dúas partes, algo que mostra proximidade, xa que é xente aberta, aínda que haxa pouca xente, parecen felices de estar alí cos seus costumes e a súa forma de vida, orgullosos da súas raíces conservadas e transmitidas, ves como unha paz interior que é o que quixen reflexar. Outra característica da obra é que uso calquera soporte, gústame reciclar e pinto sobre táboas, caixas de froita, sacos de café, fago eu os marcos, fago eu as pinturas cando poido…
Que outros proxectos ten en marcha?
Paralelamente, na mesma oficina de turismo hai unha exposición permanente miña sobre os hórreos durante todo o ano. Como pasan moitos peregrinos, chámalles moito a atención este tipo de construción cando entran en Galicia, xa que moitos non saben moi ben o que é. A idea foi continuar con esta temática dos hórreos, amosando diferentes momentos: os días, as noites, as ocasións… Tamén participei durante tres ou catro anos nunhas exposicións colectivas arredor do Camiño de Santiago que estaban tamén na antiga prisión preventiva, e expuxen en máis lugares arredor de Galicia.
Cales son os plans de futuro?
Gustaríame vivir o resto da miña vida no Páramo, pero non o seu, a vida dá moitas voltas. Por agora, estou contenta, traballo a horta, teño mazás, intento facer a miña vida alí e combinando iso coa arte, que teño un estudo, pois quero seguir nesa liña. Para min, non pinto como un hobbie, o meu traballo é pintar, a miña profesión. No Páramo, en primavera fan as feiras e adoito levar unha mostra de pintura para que a xente vexa o que fago.