María Carretero critica o “desprezo” da CHMS pola súa obra escultórica en Ponte Ribeira

María Carretero, impulsora do conxunto escultórico 'Homenaje el peregrino' fronte á Ponte Ribeira, respondeu á negativa da Confederación Hidrográfica Miño-Sil de ter en conta as alegacións presentadas contra o seu proxecto de posta en valor e consolidación dos restos de Ponte Ribeira, algo que Carretero considera "previsible".
A autora sostén que durante trece anos tanto o Concello como a CHMS tentaron "desmantelar a obra pública e urbana 'Homenaje el peregrino' (1993-1996), e tras destrozar o entorno e a paisaxe de maneira imparable en connivencia co Concello de Sarria —o primeiro en incumprir o seu deber de custodia—, só podía esperarse este lamentable resultado", critica.
Esta nova comunicación emitida pola CHMS amósase, unha vez máis, "lonxe das persoas, do traballo artístico realizado para a comunidade e do espírito do Camiño de Santiago. A administración parece non darse conta de que o obxectivo de tanta negligencia e desprezo foi a propia poboación, os peregrinos e a total vulneración do patrimonio histórico e dos dereitos de autor".
Carretero sinala que ela mesma "traballou con esforzo económico, dedicación persoal e amor para transformar un espazo degradado nun entorno de paz e harmonía". Este espazo é visitado por millóns de persoas de todo o mundo e intégrase no Camiño Francés, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
O proxecto, segundo a autora
A denominación de “posta en valor dos restos” da antiga Ponte Ribeira é, segundo Carretero, "falsa". Preténdese converter unha humilde ponte de madeira nun obxecto de "intereses políticos e estéticos mediocres, proxectando en aceiro corten unha baranda obsoleta que actúa como barreira na paisaxe, mancha a pedra histórica e contamina o río". Este elemento substitúe á baranda artística orixinal, creada en exclusiva para o conxunto escultórico, "o que demostra o alcance autoritario e unilateral desta intervención".
A baranda orixinal de fundición, deseñada por María Carretero, elévase como defensora do territorio agredido. Ademais, preténdese substituír o sistema de iluminación e as papeleiras orixinais, lámpadas creadas exclusivamente para o conxunto nunha das mellores fundicións de Europa, por elementos estándar de deseño industrial. Mentres tanto, a administración alega ter "dúbidas" sobre a afección ao conxunto e afirma que o seu proxecto resalta a obra, aínda que, segundo Carretero, "os informes técnicos din o contrario".
XXX Aniversario
Este ano 2026 celébrase o XXX Aniversario da obra 'Homenaje el peregrino'. Por iso, organízanse actividades culturais e sociais en foros de prestixio e universidades nacionais e internacionais.
Para a autora resulta "indignante" que a administración invista un mínimo de 983.000 euros do erario público nunha obra que afeaa e destroza o entorno, sen contar coa autora da obra preexistente. É "unha negligencia intolerable que non se cumpra a máxima do Camiño de Santiago: unir dúas marxes con sentido común, construíndo unha ponte definitiva que conserve o patrimonio artístico previo".