Marica e Tareixa Campo visitan o Ceip Ricardo Gasset do Incio
O CEIP Ricardo Gasset do Incio recibiu a visita de Tareixa e Marica Campo, dúas importantes e recoñecidas mulleres nadas no Incio, ás cales lles adicaron o seu nome ao salón de actos e á biblioteca, respectivamente.
O CEIP Ricardo Gasset celebrou o Día Internacional da Muller dedicándolle os diferentes espazos do centro educativo a mulleres que destacaron nas súas respectivas actividades profesionais e que teñen algunha relación co municipio, como Tareixa e Marica. A primeira é unha actriz e directora de teatro galega. Foi a cofundadora da asociación de Profesores de Teatro Barriga Verde e é membro fundador do grupo teatral Achádego. En canto a Marica, destaca no mundo da literatura galega escribindo obras coma Pedinche a luz prestada ou Tras as portas do rostro.
Tareixa Campo ensinoulles aos nenos e nenas xogos populares do Val do Mao, lugar onde naceron, mentres que Marica lles amosou diversos poemas das súas obras.