Mario, de Tapería J de Jato: “Destacamos pola nosa carne e os nosos produtos ibéricos”

SarriaXa
Falamos con Mario, xerente do negocio Tapería J de Jato, que se atopa na rúa Becerreá de Sarria e leva case un ano ofrecendo os mellores produtos
Tapería-J-de-Jato
18 Jan 2025

Cando se pon en marcha J de Jato?

A Tapería J de Jato púxose en marcha o 13 de xaneiro de 2024, polo que imos facer un ano en breves. Eu sempre estiven traballando na hostalería, durante 19 anos, e a miña ilusión era ter un negocio propio dedicado aos ibéricos, á carne de vaca galega vella e á carne de Tenreira Galega.

Cal é o obxectivo deste negocio?

O obxectivo é intentar ofrecer algo diferente do que temos en Sarria, pero imos pouquiño a pouco. O importante é que a xente veña aquí e comparta tempo ademais de saborear os nosos produtos, xa que destacamos polas tapas, as racións, os prezos razoables, e tamén o trato, que sempre tratamos o mellor que podemos ao cliente.

Como é o traballo en J de Jato?

Agora mesmo temos o cadro de persoal completo, con catro empregados, dous en cociña e dous de hostaleiros servindo, ademais de estar eu tamén. Estamos abertos todos os días de 07.00 a 23.00 horas todos os días, polo que moitas persoas veñen almorzar, xa que nos atopamos na estrada que vai cara ao polígono e xa son algúns clientes habituais; e tamén servimos comidas e ceas.

Ademais, que máis servizos ofrecen?

Agora mesmo só temos carta, non menú, pero temos como proxecto futuro integrar un menú executivo para que as persoas que veñan comer despois, antes ou durante o traballo poidan desfrutar dunha comida asumible. Tamén acollemos celebracións no local, como aniversarios, comidas de traballo, etc. Pero, ademais, levamos a cabo proxectos gastronómicos fóra do local organizados por J de Jato. Por exemplo, estivemos en vodas, en comuñóns, nas xornadas xurídicas de Sarria...

Que produtos concretamente ofrecen na carta?

Na carta destaca a carne de tenreira galega e a carne de vaca vella, que se presenta en forma de entrecot e solomillo. E temos embutidos ibéricos que son todo un éxito, así como facemos táboas de queixo, que poden ter queixo de ovella curado, outro semicurado, rulo de cabra, queixo do Cebreiro, queixo fresco de vaca, queixo da Ulloa afumado, queixo azul... un pouco de todo, temos moita variedade. Ademais, temos unha hamburguesa premium de receita propia, que leva ibéricos, cebola caramelizada feita na casa, carne de tenreira galega mesturada con carne de porco ibérico, rulo de cabala á prancha e 50 gramos de xamón ibérico.  E logo, do mar, tamén ofrecemos calamar da ría, recomendado para dúas persoas, feito á prancha ou frito á andaluza acompañado con alioli... A min o tema da cociña tamén me gusta, non só o da hostalería.

Existen diversas opcións para gozar de racións ou entrantes, entre as que destacan as croquetas de chacina ou queixo, os gambóns ao allo, as luras á prancha, os mexillóns tigre, os torpedos de lagostinos con salsa de chile doce e os rolos de primavera acompañados de salsa de soia. Ademais, destacan dous excelentes viños da Rioxa Alta e o Guímaro da Ribeira Sacra.

O establecemento tamén sobresae no apartado de almorzos, con propostas como a clásica torrada de ‘pan tumaca’ con xamón ibérico, que é especialmente recomendada.

En canto ás sobremesas, un dos grandes protagonistas é a torrada elaborada con pan ‘brioche’, xunto con xeados dunha prestixiosa marca artesanal que deleitan aos comensais.

Que ten de especial este lugar?

En J de Jato destacamos polas nosas carnes, xa que apostamos polo produto local. Así, as nosas carnes son dunha carnicería de Sarria e sempre utilizamos produto fresco, nunca conxelado. É importante estar en contacto con gandeiros da zona da comarca de Sarria, de Becerreá e Pedrafita para nutrirnos uns negocios a outros e promover a subsistencia de todos e poñer en valor Sarria. Temos que valorar o que temos aquí, o que nos dá a nosa terra. Por outra banda, tamén destacamos polo trato ao cliente, xa que somos como unha familia e o trato é moi familiar. A xente está contenta con nós e fánnolo saber. O local está tendo moi boa acollida, estamos moi contentos e queremos seguir como ata agora.

0.14304709434509