Marta Fernández: “É moi importante facer actividades no rural e crear comunidade”

SarriaXa
Marta Fernández Horbán, presidenta da Asociación Cultural Val de Láncara desde hai cinco anos, aínda que a Asociación leva promovendo actividades desde hai 30 anos
XXIII-Premio-Facer-País-Láncara-25-María-Vázquez
22 Feb 2026

Jessica Fernández

A Asociación Cultural Val de Láncara leva tres décadas sendo un piar fundamental da vida cultural e social do municipio, unha traxectoria longa que nos últimos cinco anos está encabezada por Marta Fernández Horbán, actual presidenta da entidade. A súa chegada á presidencia produciuse nun momento clave, marcado polo relevo xeracional e pola pandemia, pero tamén pola continuidade dun proxecto colectivo moi asentado no territorio, destacando que boa parte da actual directiva está formada por familiares das persoas que impulsaron a asociación no seu momento.

Marta Fernández asumiu a Presidencia en plena pandemia, unha etapa complexa que, porén, non paralizou a actividade da asociación. Segundo relata, “a pandemia non nos afectou demasiado, porque seguimos facendo moitas actividades de forma moi coordinada e organizada”, sinala, poñendo en valor a capacidade de adaptación dun tecido asociativo xa consolidado.

AS ACTIVIDADES

A Asociación Cultural Val de Láncara continúa hoxe o legado recibido, mantendo as actividades tradicionais e incorporando pequenas melloras co obxectivo de adaptarse aos tempos actuais. “Por sorte, temos moito camiño andado e seguimos o legado que nos deixaron, intentando mellorar algunhas cousas”, afirma a presidenta. Entre as citas ineludibles do calendario anual figuran o Entroido, a Festa da malla, o Magosto, o Premio Facer País ou as celebracións vinculadas ao Nadal, ademais doutras propostas culturais que se desenvolven ao longo de todo o ano.

A Asociación Cultural Val de Láncara aposta pola continuidade das actividades que mellor funcionan, especialmente no verán, con propostas como o curso de piragüismo ou o cine ao aire libre, sen renunciar a introducir novidades dentro da súa liña habitual. A colaboración con outras entidades educativas tamén ocupa un lugar destacado, como o traballo conxunto co CPI Ramón Piñeiro ou con centros doutros concellos, como O Páramo ou O Corgo, para organizar actividades culturais con motivo do Día das Letras Galegas. A nivel persoal, Marta Fernández subliña a importancia do Premio Facer País como referente cultural. “Para min, a nivel cultural, Facer País é moi importante e traballamos moita xente por seguir facéndoo”, afirma, xunto a outras celebracións colectivas como o magosto, a malla ou as festas de Reis, que define como “moi bonitas” polo seu carácter veciñal.

O Entroido é outro dos momentos máis esperados do ano, cun formato que combina música, comida e participación activa da veciñanza. A asociación organiza sorteos entre as persoas que acoden disfrazadas, con premios como entradas a un balneario ou comidas, unha fórmula que garante unha elevada asistencia. “É unha actividade que ten moito éxito, porque é unha festa moi bonita, facemos música e contratamos un dúo”, conclúe a presidenta, resumindo o espírito festivo e comunitario que define á Asociación Cultural Val de Láncara desde hai trinta anos.

Entre as propostas que mellor funcionan atópanse as clases de música tradicional e baile, dirixidas a públicos de todas as idades e que se imparten os sábados pola tarde. A resposta da veciñanza é moi positiva, especialmente no caso da infancia. “Estamos moi contentos porque temos moitos nenos e está tendo moito éxito”, apunta a presidenta, quen considera clave garantir a transmisión cultural ás novas xeracións. As actividades formativas están pensadas para achegar a cultura á veciñanza, cunha presenza moi activa no ámbito rural e cunha participación elevada. “Intentamos facer un pouquiño de todo”, resume.

DINAMIZAR O RURAL

A defensa do rural como espazo vivo e activo é unha das ideas que vertebran o traballo da asociación. Para Marta Fernández, resulta esencial ofrecer alternativas culturais e de lecer sen necesidade de desprazarse a outros lugares. “É moi importante hoxe en día facer actividades no rural, porque parece que fai falta desprazarse para facer cousas, e non é certo”, asegura. Nesa liña, subliña o papel social da entidade como punto de encontro, fomentando actividades interxeracionais nas que participan persoas de todas as idades. “Hai actividades máis enfocadas a nenos, pero veñen pais ou avós, socialízase e créase comunidade”, destaca.

O apoio institucional é outro dos piares que sosteñen a actividade da Asociación Cultural Val de Láncara. O Concello colabora de maneira habitual, tanto apoiando iniciativas propias da entidade como contando coa súa implicación en actividades organizadas desde a administración local. Ademais, en determinadas ocasións, a asociación accede a axudas da Deputación.

Con todo, unha das bases fundamentais do seu funcionamento é o número de socios, que supera os 300. Trátase maioritariamente de veciños e veciñas de Láncara, familias do municipio e tamén persoas que, aínda vivindo noutras cidades, manteñen o vínculo coa terra. Estes socios pagan unha cota anual que permite reducir o prezo das actividades e garantir a continuidade do proxecto.

No que respecta ás infraestruturas, a asociación dispón do local social da antiga escola de Láncara, rehabilitada grazas a unha axuda da Deputación, e do local que era a antiga casa consistorial do Concello, situado en Carracedo. Neste último desenvólvense clases de baile e música, actividades vinculadas ao Premio Facer País, obradoiros de manualidades ou iniciativas puntuais como un próximo curso de pesca para nenos. Trátase dun local moi utilizado, especialmente durante as fins de semana, o que fai necesarias melloras. “Necesitabamos un cambio de ventás, reformar os baños, contar con calefacción… é un local ao que se lle saca moito partido e que debería estar un pouco máis coidado”, explica Marta Fernández, quen recoñece que seguen solicitando apoio para poder acometer estas melloras.

0.078747034072876