Marta Horbán: "María Vázquez fai país porque nos representa coa súa fala e co seu apoio á cultura galega"

O Pazo de San Marcos acolleu a presentación da XXIII edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País, organizado pola Asociación Val de Láncara coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Láncara.
Nesta edición, o galardón recoñecerá a traxectoria de María Vázquez, actriz nacida en Chantada e cun forte vencello familiar con Carballedo, cuxa carreira se consolidou como un exemplo de compromiso coa lingua e coa cultura galegas.
A celebración terá lugar o 29 de novembro e comezará ás 12.00 horas coa recepción oficial da premiada na Casa do Concello da Pobra de San Xiao. A continuación, ás 13.00 horas, en Carracedo, o mantedor do acto, Xurxo Rodríguez, ofrecerá unha intervención que precederá a actuación do grupo tradicional AC Val de Láncara na Ponte de Carracedo. Desde alí partirá o camiño cara á antiga casa consistorial, onde ás 13.30 horas María Vázquez recibirá o premio da man de Iolanda Díaz Gallego, gañadora na pasada edición. Tras a tradicional ofrenda floral a Ramón Piñeiro, a xornada concluira cunha comida de confraternidade.
A presidenta da Asociación Val de Láncara, Marta Horbán, participou no acto xunto co vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e co deputado de Promoción Económica e Social e alcalde en funcións de Láncara, Pablo Rivera, quen convidaron a veciñanza e ao conxunto do país a sumarse á celebración. Destacaron que a xornada converterá Láncara nun foco de referencia para a cultura galega, reforzando o espírito que inspira este premio.
Marta Horbán subliñou que “María Vázquez fai país porque nos representa coa súa fala e co seu apoio á cultura galega, implícito na súa faceta interpretativa”, unhas cualidades que, segundo explicou, foron determinantes para o xurado, integrado por máis dunha decena de asociacións culturais do Val do Láncara e da contorna.
Pablo Rivera salientou o acerto da elección e reivindicou a memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, a quen definiu como “un persoeiro ilustre da nosa cultura e da nosa lingua”. Recordou que este premio supón unha homenaxe profunda e merecida a unha figura clave do pensamento galego, nacido no propio Láncara, a escasos metros da antiga casa consistorial.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, felicitou a Asociación Val do Láncara pola continuidade e o prestixio consolidado deste galardón, “valorado en todo o país”, e destacou que a lista de premiadas —Luz Fandiño, Sés, Iolanda Vázquez e agora María Vázquez— reflicte que “o país se fai en clave feminina”.