Martín de Padrozelos chega ao Incio
Volta a exposición De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (AEPECSA), no marco do programa O teu Xacobeo. A exposición inaugurouse no día de onte, xoves día 22 de xullo, no Concello do Incio.
Así pois, participaron no acto as irmáns Marica e Tereixa Campo, Manuel Vázquez Teijeiro, responsable da itinerancia da Exposición; Antonio García Montero, Xosé M. vila Chantres, Maruja de Airapadrón e un grupo de veciños e veciñas do Incio e Samos, coñecedores das terras de Martín de Padrozelos.
A exposición, coas dez cantigas de Martín de Padrozelos, un dos primeiros trobadores coñecidos da lírica galega, estará aberta ao público polas mañás, de luns a venres, ata o 5 de agosto. Trátase dunha mostra, de carácter divulgativo e itinerante, que transmite e fai visible a importancia da lírica galega na Idade Media. En varias destas cantigas, Martín de Padrozelos alude a lugares do Incio, como San Salvador do Mao ou Valongo, tamén do Val do Mao.
As dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, foron musicadas polo grupo A Quenlla e gravadas nun CD, que axuda á revalorización deste autor medieval, que ten as súas orixes en Praducelo de Lóuzara (Samos), onde se conserva unha casa co seu nome. A vinculación de O Incio e de Samos coas orixes da literatura galega resultan evidentes para investigadores como Dulce Fernández Graña e Xulio Pardo de Neyra, os dous primeiros en publicar os seus traballos sobre o trobador e as súas cantigas, que se conservan nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa.
Cada unha das dez cantigas constitúe un panel da exposición, que conta con dous máis, o primeiro, coa ficha técnica da mesma, incluídos os concellos polos que pasa o seu recorrido itinerante, e o doceavo, no que figura un mapa da zona, cos concellos por onde anda a Exposición e cos lugares de Samos e O Incio por onde andou Martín de Padrozelos.