Masustegi, o barrio galego de Bilbao

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
10 Feb 2022

Por Raúl Río

O barrio de Masustegi, lugar de moras (“masusta” en éuscaro), está colgado  do monte Cobetas, ao lado do monte Caramelo.

Este barrio bilbaíno foi levantado entre os anos 50 e 60 do século pasado, de noite e casa a casa polos emigrantes galegos, que nun impresionante acto de solidariedade e irmandade axudábanse a subir primeiro os ladrillos, a area, o cemento e os outros materiais de construción, e cando xa tiñan todo o necesario para levantar unha casa, reuníanse todos e nunha noite eran capaces de erguer unha casiña para os novos veciños. Cando amencía, xa a nova vivenda tiña catro paredes e un teito, un can e unha simple cama, aínda que fora sen xergón e sen roupa, porque eran os requisitos necesarios para que a policía non a puidese tirar nin botalos fora dela. Despois estas casas íanse reformando e ampliando pouco a pouco segundo as posibilidades económicas dos donos, ata que tiveran todas as comodidades posibles.

Era moi duro subir os materiais da construción por aquelas interminables costas e empinadas escaleiras, contando nada mais que coa axuda dos burros que lles alugaba un veciño coma se de coches se tratara. Pero non so fixeron as casas, senón que tamén foron eles os que tiveron que construír e procurar as infraestruturas de escaleiras e accesos; alumado, traídas de auga e outros elementos que non proporcionaba o concello, aínda que agora regularizouse a situación, sendo esa institución a que se fai cargo deles.

Sempre me sentín orgulloso dese traballo comunal que desenrolaron os nosos paisanos e paisanas; desa solidariedade, dese amor e dese cariño que florecía e florece entre aqueles veciños e veciñas, polo que tamén me sinto moi identificado coa xente deste barrio que se estende por toda a ladeira deses dous  montes. Desde o primeiro momento sentín un cariño especial por esas xentes que vivían como en calquera aldea de Galicia ao lado de Bilbao e chamábame moito a atención a utilización dos animais para salvar os accidentes xeográficos que supoñían aquelas costas. Lémbrome do burro que gravei en Súper 8 no ano 1981, cando subía o pan e demais mercancías polas escaleiras para a tenda de ultramarinos que había na metade da costa, gravación que logo utilizou Davide Cabaleiro na película “Sitio Distinto”, sobre a emigración galega en Euskadi. A este precioso lugar é onde lles aconsello que vaian os rapaces que queren facer algún traballo ou estudio sobre a nosa diáspora en Euskadi.

Chama tamén a atención que, estando as casas unhas tan próximas ás outras, e  incluso con estreitos pasos comúns, existe unha gran amizade e camaradería entre os veciños e unha ausencia total de conflitos veciñais. Son todos unha gran familia.

Alí, os da Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo temos organizado diversos actos culturais con motivo do Día das Letras, exposicións do libro galego e conferencias de todo tipo. O profesor Xosé Estévez en varias ocasións, Uxío Novoneyra, Marcial Gondar Portasany, Alfonso Blanco Torrado, Bruno Pena, André da Ponte (quen recuperou o Apalpador) e outros que pasaron por alí deixaron a súa pegada. Incluso eu tiven o gusto de disertar sobre a vida e a obra do meu amigo e veciño, Xosé María Díaz Castro.

Foi o 19 de maio de 1991 cando levamos a Uxío Novoneyra a dar un recital de poesía no local da Asociación de Veciños. Eu tiña certo medo de que houbera moito ruído, pois no local había bar e a xente asistía ao recital e tomaba algo na barra ao mesmo tempo, pero tras da presentación do poeta polo profesor  Xosé Estévez, tocoulle a quenda a Uxío Novoneyra e o silencio que había no ambiente era total, polo que Uxío puido deleitarnos coa súa voz, recitando poemas seus e unha escolma da poesía galega contemporánea.

O mesmo pasou na interesante conferencia de Marcial Gondar Portasany o 25 de maio de 1993, sobre un tema tan pouco apetitoso a primeira vista como “A Cultura da morte en Galicia”, pero cando empezou a disertar o antropólogo a xente escoitou atentamente as sabias verbas do conferenciante.

Sinto non haber levado por alí a Manuel María, quen houbera desfrutado moito vendo ese barrio e que houbera comparado cos curutos de Piapaxaro onde aniñan as aguias.

Como en calquera aldea galega que se prece non podía faltar un grupo de gaitas e un grupo de baile galego, así que Masustegi conta desde fai moitos años co grupo “Agarimos”, un grupo de gaitas e danzas, creado e dirixido polo veciño e mestre de gaiteiros, Xosé Losada Mella, mais coñecido por Pepiño, de quen falaremos tamén algún día nestas mesmas páxinas.

Teño alí vellos amigos e coñecidos cos que gusto conversar, así que de vez en cando vou por este barrio no que o idioma que mais se fala probablemente sexa o de Rosalía. Podo asegurar que todas e cada unha das persoas que subiron as longas escaleiras que rematan no miradoiro, que está ao carón da Igrexa e do local da Asociación de Veciños, séntense como en calquera aldea de Galiza, porque Masustegi é un cacho da nosa terra desde o que se pode ollar Bilbao desde arriba, a vista de paxaro.

Quezas o gran poeta vasco Gabriel Aresti ao coñecer este barrio chegou a propoñer, que nalgunhas zonas de Euskadi tamén o galego debía ser oficial.

0.14789390563965