Mateo Fernández acada a prata na President’s Cup de Austria tras unha destacada actuación

Mateo Fernández, da AC Taekwondo Sarria, proclamouse subcampión na President’s Cup de Austria, unha competición internacional na que o deportista participou na categoría júnior individual e onde conseguiu unha meritoria medalla de prata despois dunha xornada chea de intensidade e bo nivel competitivo.
O mozo taekwondista iniciou o seu percorrido superando na primeira rolda ao seu compañeiro e rival español, un duelo que o impulsou cara á seguinte fase. No segundo combate enfrontouse ao representante de Hong Kong, ao que tamén conseguiu derrotar, asegurándose así o pase ás semifinais.
Nesa rolda volveu exhibir un gran dominio, impoñéndose con claridade ao competidor austríaco e accedendo á final. No duelo decisivo, Mateo tivo como adversario ao representante de Francia.
O galego cedeu no primeiro poomsae, recuperou terreo gañando o segundo e deixouno todo para o desempate final, que finalmente caeu do lado do seu rival, o que o levou a concluír cun brillante segundo posto.
Desde o club expresan a súa satisfacción polo rendemento e pola progresión do deportista, que atravesa un excelente momento de forma. Ademais, destacan que esta mesma semana terá unha nova oportunidade na súa carreira por lograr a clasificación para o Mundial, un obxectivo polo que continúa traballando con determinación.