Mateo Fernández e Álex Losada, campións de Europa de taekwondo

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Mateo, de Portomarín, e Álex, de Monforte, e ambos da AC Taekwondo Sarria, conseguiron a medalla de ouro cos seus respectivos equipos
Alex-Losada-e-Mateo-Fernández-Campións-de-Europa-taekwondo
19 Apr 2025

Mateo Fernández, deportista de taekwondo de Portomarín, que adestra na Escola Taekwondo Sarria da man do recoñecido Álex Losada, máis coñecido como Álex Camba, acadou o título de Campión de Europa no Campionato de Europa celebrado en Tallin, Estonia.

Xunto con Aitor, do Club Neka de Monforte, e con Hugo Arnoso, que participaron na categoría por equipos en trío júnior, Mateo alzouse coa súa primeira medalla europea, sendo esta de ouro. Na primeira rolda venceron con contundencia a Gran Bretaña e na final realizaron unha actuación "aínda mellor" contra Turquía, para así subir ao máis alto do podio, tal como explicou o seu adestrador Álex Losada, que tamén competiu no Europeo.

“Un feito formidable e extraordinario e un grandísimo orgullo para Portomarín, para a escola e para Sarria contar con este novo título. Con Hugo e Aitor formaron un equipazo que se viu reflectido no resultado”, afirmou Álex.

Pola súa parte, xunto cos seus compañeiros Marco García e Carlos Rey, do Club Neka de Monforte, Álex competiu na categoría sénior por equipos, acadando de novo un ouro. Álex e Carlos eran os vixentes campións de Europa, e gañadores desta categoría nos dous últimos europeos de 2021 e 2023, polo que, con este título, coróanse como tricampións de Europa e manteñen a hexemonía na devandita categoría. Venceron a Portugal na primeira rolda, despois a Bulgaria, nas semifinais a Francia e na final a Alemaña. Desde a primeira ata a última rolda, o equipo non deu opción a ningún dos seus rivais, amosando unha gran superioridade en todas as fases e acadando, unha vez máis, ser campións de Europa indiscutibles.

“É un suceso extraordinario e excepcional acadar unha medalla europea, e moito máis complicado que ambas sexan de ouro. É un orgullo para nós levar o nome de Sarria por todo o mundo e con resultados coma estes”, afirmou Álex Losada.

⚙ Configurar cookies
0.15067791938782