Medio Rural informa da situación dos incendios forestais en Galicia

A Consellería do Medio Rural actualizou esta noite a situación dos incendios forestais en Galicia con datos recollidos ás 21.00 horas.
A provincia de Ourense segue baixo a declaración de situación 2 a nivel provincial, o que implica maior mobilización de medios autonómicos, estatais e da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Ademais, os incendios forestais máis extensos da provincia son os de Chandrexa, onde se xuntaron varios focos, Larouco, que en só un día multiplicou por tres a superficie afectada e actualmente é o máis grave, e Oímbra, que deixou tres brigadistas feridos de consideración e levou á prisión a un home acusado de ser o presunto responsable.
Estes tres lumes acumulan a maior parte das 62.000 hectáreas queimadas e convertéronse nos de maior dimensión da historia recente de Galicia, superando con claridade aos rexistrados no 2022 en O Courel e Valdeorras.
Incendios activos
Os lumes máis graves concéntranse en Ourense. O incendio que afecta Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso e municipios limítrofes suma xa arredor de 17.500 hectáreas queimadas. Tamén permanecen activos:
- Activo Larouco-Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 18.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
- Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.500 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
- Activo Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 15.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar.
- Activo A Mezquita-A Esculqueira. Segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora.
- Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro). Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio.
- Activo Vilardevós-Vilar de Cervos. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas.
- Activo Vilardevós-Moialde. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas.
- Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas.
- Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 3.500 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.
Estabilizados, controlados e extinguidos
- Na provincia de Ourense, extinguido Verín-Mourazos desde as 10.02 horas de do luns, iniciado ás 13.15 horas do luns, que finalmente afectou unha superficie de 8,97 hectáreas arboradas.
- Na provincia de Ourense, estabilizado San Cibrao das Viñas-Rante Estabilizado desde ás 01.24 horas o incendio iniciado o pasado sábado ás 14.30 horas no concello de San Cibrao das Viñas, que segundo as últimas estimacións supera as 60 hectáreas.
- Na provincia de Ourense, estabilizado Montederramo-Paredes Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes 12 o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes.
- Na provincia de Lugo, estabilizado O Saviñao-Chave desde as 00.55 horas do domingo, que se iniciou o sábado ás 15.00 horas e o que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 axentes, 19 brigadas, 18 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.
- Na provincia de Lugo, estabilizado Cervantes-Vilarello desde o sábado ás 22.35 horas un lume rexistrado ese mesmo día ás 05.27 horas no concello de Cervantes, parroquia de Vilarello, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas.
- Na provincia de Lugo, controlado A Fonsagrada-Monteseiro desde as 14.42 horas do domingo 10 de agosto o incendio forestal do concello da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas.
- Na provincia da Coruña, extinguido Monfero-Queixeiro. Afecta o Parque das Fragas do Eume desde as 14.36 horas de onte, que afectou 1,5 hectáreas do Parque Natural das Fragas do Eume.
- Na provincia da Coruña, estabilizado Muxía-Nosa Señora da O desde as 14.01 horas do sábado o lume iniciado ás 13.13 horas do venres na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións afecta 23 hectáreas.
- Na provincia de Pontevedra, estabilizado Agolada-O Sexo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 400 hectáreas.
Medidas de protección
As medidas de protección á cidadanía permanecen vixentes nas zonas afectadas polos incendios forestais na provincia de Ourense e permanece activada a Situación 2.
Non se rexistraron novas evacuacións, aínda que, en canto ás residencias, levantouse o confinamento nos dous centros de Carballeda de Avia (44 en Fogar Residencial e 12 en Vivenda Comunitaria).