Medio Rural investirá 4 millóns de euros na creación de pasteiros como o de de Goián-Sarria

SarriaXa
As actuacións para poñer en marcha os pasteiros implican diversos labores como a implantación dun pasto herbáceo de calidade
medio-rural-pasteiros-sarria-2025
15 Jan 2025

A Consellería do Medio Rural afondará na súa aposta polos pasteiros cun investimento de catro millóns de euros neste 2025. Así o salientou a titular do departamento, María José Gómez, nunha visita ao concello lucense de Sarria, onde comprobou os traballos realizados para a posta en marcha do pasteiro de Goián – Sarria.

Durante o seu percorrido pola zona, no que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira avanzou que neste 2025 se prevé actuar en 519 hectáreas para crear 26 pasteiros na nosa comunidade; dos cales oito se localizarán na provincia de Lugo.

As actuacións para poñer en marcha os pasteiros implican diversos labores como a implantación dun pasto herbáceo de calidade, mediante a corta e roza, o encalado, a sementeira ou o despregado, entre outros. Inclúen tamén outro tipo de accións como a instalación de peches perimentrais, pasos canadense ou a colocación de sistemas de retención e control para a xestión do gando.

María José Gómez referiuse aos pasteiros como “unha moi boa ferramenta” para favorecer a permanencia do tecido agrogandeiro das contornas rurais, xa que amplían a base territorial e a extensificación das súas producións. Ademais, contribúen a protexen os montes fronte aos lumes forestais e favorecen a biodiversidade ao rachar a continuidades de mato e arboredo. Tamén incrementan de xeito considerable o benestar dos animais polo seu maior acceso ao pastoreo, explicou a conselleira.

Dende o ano 2020 o Plan de Pastos deseñado por este departamento permitiu actuar en máis de 1.930 hectáreas e 80 pasteiros, cun investimento que ronda os 10,5 millóns de euros.

0.15446901321411