Memoria Viva

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
7 Jun 2022

Por Pablo Veiga

Nesta mesma columna témonos referidos a persoeiros falecidos, os cales deixaron unha importante pegada na nosa bisbarra; homes e mulleres que naceron aquí, que marcharían fóra para formarse e gañar un futuro, que retornaron algúns, pero sempre fixeron patria alá onde estivesen.

Aquí temos falado do crego Xosé Manuel Carballo, do profesor Bernardo García Cendán e de escritores por todos coñecidos e recoñecidos, como Manuel María, Díaz Castro,Trapero Pardo, Chao Rego ou Darío Xohán Cabana.

Servidor, desde a humilidade e a distancia, víase na obriga de dedicarlle unhas palabras a quen nos acababa de deixar recentemente, pero tamén a aqueles que xa había un tempo que non estaban con nosoutros. Obrigada lembranza para todos eles, porque  suscitaban admiración, xa que en tempos moi difíciles foron quen de comprometerse coa lingua e a cultura, co País e coa súa xente, un compromiso que podía traer consecuencias negativas.

Os citados son un exemplo dese repetido talento chairego, que é motivo de orgullo e satisfacción, como dicía aquel que saía a falar nas noites boas e que veu dar unha volta hai uns días por Sanxenxo.

Pero tamén neste mesmo medio, non aforrramos palabras para aqueles que afortunadamente están vivos, os cales tamén forman parte dese talento ao que nos referiamos.

Aquí dedicámoslle algún artigo á muller dos Vilares, Pas Veres, polo seu magnífico traballo recopilado en Lareira de Soños,a Xosé Manuel Felpeto, de Cabreiros, pola súa primeira novela, O Pau de Ferro, a Alfonso Blanco –un dos imprescindibles- e a alguén máis que coas súas iniciativas en diversos campos, contribúen a darlle un valor engadido á nosa Terra Chá. Incluso, ata un se permitiu o luxo, sen caer na vanidade e fóra de toda soberbia, de falar da súa propia creación. Porque é a memoria viva, a representada polos que foron, pero tamén polos son e acreditan méritos de abondo para ser valorados en vida.

E un grandísimo exemplo dos que están é, sen ningún xénero de dúbidas, Xesús Rábade Paredes. De Seixas (Cospeito), lugar onde naceu no ano corenta e nove, tivo que ir á capital como moitos outros centos de rapaces para estudar e acadar un mellor porvir. En plena ditadura, onde o idioma propio tiña que quedar na porta do instituto e calquera actuación que se saíse do establecido podía ter importantes consecuencias para quen as levase a cabo, sendo a rebeldía era unha  actividade de risco elevado. Como moitos outros galegos, coñeceu a emigración, no seu caso, en Suiza. E posteriormente, desenvolveu a súa labor profesional como profesor. A vida levouno a atoparse nos Ancares con outra grande, Helena Villar Janeiro, a que sería a súa perenne compañeira. Rábade Paredes é un dos grandes da literatura galega; cultivou a poesía, a narrativa, o ensaio e ata as traduccións, sen esquecer que conxuntamente coa súa muller realizou importantes traballos, sendo galardonado en destacados premios literarios.

En definitiva, un dos expoñentes do que denominamos memoria viva, que foron, pero que aínda son e por suposto, serán. Sempre.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.11606907844543