Mercar nos comercios de Sarria ten premio
A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria vén de poñer en marcha unha iniciativa para dinamizar o comercio local.
ACES en colaboración coa Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación – Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, sacan á rúa a campaña Mercar no teu comercio ten premio que estará vixente dende hoxe luns día 24 ata o venres 28 de outubro.
Sortearanse 1.000 euros repartidos en tarxetas prepago de 50 e de 30 euros para seguir mercando no comercio desta vila.
Así, tódolos clientes de Sarria que realicen as súas compras nos establecementos asociados, nesta ocasión un total de 70 negocios, entre as datas seleccionadas poderán participar no sorteo en directo destes 1.000 euros en premios.
O sorteo terá lugar o venres 28 de outubro ás 20.30 horas na Rúa Calvo Sotelo. Previamente, os consumidores deberán canxear os seus tickets de compra por boletos de participación nunha carpa que se instalará dende ás 17.00 horas na mesma praza.