Mercedes Vázquez, fotógrafa: "Nas miñas fotos mostro a dureza dos traballos manuais"

SarriaXa
Falamos con Mercedes Vázquez Saavedra, fotógrafa e etnógrafa sarriá que vén de expoñer os seus traballos no antigo cárcere de Sarria, así como o está a facer en Samos
Mercedes-Vázquez-fotógrafa-Sarria
13 Out 2024

Por Jessica Fernández

Quen é Mercedes Vázquez?

Nacín en Sarria e traballei durante toda a miña vida en proxectos sociais e actividades socioculturais en diferentes entidades. Ademais, toda a miña vida estivo vinculada coa arte, tanto no ámbito da escrita como da fotografía. No ámbito da escrita, elaborei guías turísticas para entidades como a guía do Courel, da Pobra do Brollón... por iso, tamén na recompilación desa información, tamén aproveitaba para sacar imaxes que agora forman parte da miña colección e que se inclúen nas miñas exposicións.

Como se vinculou ao mundo da fotografía?

Os meus tíos, primos, o meu avó... todos eles tiñan cámara de fotografía, polo que sempre me foi un mundo co que tiven contacto e que sempre me gustou. Fun compatibilizando o meu labor profesional oficial coa fotografía e, xa xubilada, dediqueime a isto en corpo e alma, poderíamos dicir que xa hai 15 anos que é a miña paixón e dedicación total. Nos anos 70 montamos un estudo analóxico o meu tío, un primo e eu para facer experimentos, pero a que terminei vencellada ao mundo da fotografía por enteiro fun, que pasei de analóxico e dixital. E así empecei a fotografar todo o que vía.

De que tratan as súas fotografías?

Nos meus traballos hai dúas cousas a destacar: o rural e a muller. Debo recoñecer que a miña vinculación con Portugal influíu moitísimo nas miñas fotografías. Eu viaxei moito por moitos lugares do mundo, pero cando me fun facendo maior me din de conta de que o que máis me interesaba era coñecer de onde viñamos, do rural. Por iso, empecei a interesarme máis polas aldeas, cousa que tamén me veu precedida polas guías que fixen do Courel, onde vin como eran as aldeas e o moito que me gustaban.

Eu cheguei a Portugal e vin que as aldeas eran como as que eu coñecera do Courel, pero que pouco a pouco íanse perdendo no rural de Galicia, tanto é así, que vivo entre Pitões das Júnias e Sarria. En Portugal fanse traballos comunitarios entre as mulleres, o que tamén me recordou á miña infancia, xa que a miña nai e avoa foron as que me criaron porque os homes tiveron que migrar. As historias das mulleres da aldea comunitaria fixéronme ver a vida doutra maneira, aprendín delas, da miña familia e das mulleres do courel o feito de compartir, de dar o que se ten. As mulleres facían os labores, coidaban dos nenos e conformábanse cun prato de verduras. O importante é axudarse unhas ás outras. Fixéronme entender que a vida era moito máis simple.

Ten cinco proxectos expositivos, que destacaría de cada un?

Empecei montando unha exposición de máscaras, que teño dúas. Nelas, retrátanse as máscaras, unha delas é de máscaras galegas e portuguesas e a outra é de máscaras ibéricas, na que se atopan personaxes da zona central da Península Ibérica.

Despois, teño tres exposicións máis, unha chamada Mulleres, que é a que imos ter en outubro en Samos, e na que retrato mulleres que fotografei durante as miñas viaxes ao rural. Aparecen maioritariamente mulleres da Raia de Portugal que fun atopando, pero tamén hai do Courel e de Samos. Ademais, sempre aumento as exposicións, xa que non me gusta que sexan estáticas, sempre integro máis mulleres.

Por outra parte, hai unha exposición moi concreta que é a de Mulleres das capas, que é o seguimento de mulleres de Nogueira, no Concello de Boticas de Portugal, que é conxunta con Moncho. Nela, retrátanse ás mulleres desa terra do Barroso en Portugal, unha zona entre Chaves e Montealegre e preto de Xinzo de Limia.

Finalmente, a exposición que estivo en Sarria durante o mes de setembro, Traballos do campo, é unha recompilación de fotografías que fun sacando en diferentes lugares, captando a esencia dos traballos manuais de antes. Algunhas fotos teñen 30, 20 ou 10 anos, pero todas expresan a dureza da vida no campo e a festa que se fai ao rematar ditos traballos. Concretamente, vense segadas, malladas, serradas e carrexadas... e ao mellor unha muller cavando, así como hai homes tamén.

Por que é importante mostrar estes traballos?

Gústame moito compartir os traballos, porque aínda que eran moi duros e eu mostro esa dureza, despois do traballo facían unha festa, desfrutaban e era un momento de compartir. Nunca se poderán recuperar os traballos a man porque son moi duros e hai máquinas, pero é interesante mostralo e poñer en valor o de antes, non só o traballo en si, senón ás persoas, na parte etnográfica. Non busco a percepción, senón captar algo que diga algo, porque non hai nada perfecto, e esa imperfección transmite, iso é que quero, transmitir e recuperar o valor polas aldeas e que non morra e valoralo. Eu atopei a esencia do rural e da xente auténtica, e aproveito para ver costumes e estar coa xente. Interésame todo e teño moitas emocións, que é o importante, ter ganas de facer cousas e emocionarse co que fagas.

Que importancia ten para vostede o rural?

É importantísimo volver a valorar o rural e facer cultura do rural. A min Portugal ensinoume que era posible facer dunha aldea algo grande, con museos e casas rurais, actividades, cursos... En Froxán, no Courel, antes era había moita actividade e facían cousas, pero penso que o rural hai que reivindicalo e que non morran as aldeas, por iso eu fago exposicións no rural. Aínda que fixen exposicións en lugares grandes, encántame expoñer nos sitios pequenos, como Sarria ou Samos. Motívame moitísimo expoñer no rural porque se achega xente e facemos comunidade. Temos que facer que o rural estea vivo e que non caia no abandono porque me dá moita pena.

Como foi a acollida da exposición en Sarria?

Moi ben, estou encantada. Teño moita xente que coñezo de toda a vida e que pasan por alí para ver as 70 fotografías que compoñen Traballos do campo. Ademais, tamén pasan os peregrinos e este mes é o moi bo, porque en xullo e agosto van máis rápido e non paran tanto. Agora van máis tranquilos, entón esa xente é a que se para e mira a exposición e inflúe moito en que paren outros. Tamén hai xente que vén doutros concellos para ver a exposición e estou contenta.

Agora está en Samos a súa exposición Mulleres.

Si, temos moitas ganas. Fixeron unha salita nova de exposicións no centro e desde o Goberno local estiveron moi receptivos de levar a exposición de Mulleres a Samos a partir de outubro. Samos é moi importante para min porque pasaba os veráns nunha parroquia de Samos e é onde eu vin as mallas e as segadas. Na exposición hai unha muller de Samos. Son unha desfrutadora das cousas pequenas e teño moitos amigos en Samos que sei que van vir a exposición e a desfrutar dela.

Que proxectos de futuro ten en mente?

Sempre que fago unha exposición, desde os concellos propóñenme facer fotografías dalgunha das súas aldeas para facer unha exposición concreta deses lugares e teño para o ano que vén encargada unha nese sentido. Así, retratarei mulleres e traballos de diferentes concellos, o que a vida me deixe, estou aberta a todo.

Ademais, teño imaxes da parte artesá dos diferentes municipios así como fotografías dos traballos de campo con maquinaria, polo que podería facer exposicións dese tipo tamén.

0.17531394958496