Merche Herrera, xerente de Tourist Home: “Intentamos que a xente estea tranquila e marche contenta”

SarriaXa
Falamos con María Mercedes Herrera Herrera, responsable do negocio Tourist Home de Sarria, co que xestiona pisos turísticos
Tourist-Home
13 Xul 2024
Por Jessica Fernández

Como xorde Tourist Home?

Tourist Home xorde a raíz de que eu sempre traballei no ámbito do turismo e da hostalaría, sendo camareira, pero sempre me gustou a xestión. Un día, o que era o meu xefe e dono do restaurante onde eu traballaba comentoume que tiña un piso e aí xurdiu a idea de xestionar pisos turísticos. Comecei o ano pasado, en 2023, xestionando catro e agora teño tres, que están todos na vila de Sarria.

Cales son os obxectivos do negocio?

O obxectivo é sacarlle unha rendibilidade a pisos que están sen utilizar, que quizais teñen un dono pero que non vive en Sarria e ten o piso baleiro. Sarria é unha zona e un núcleo ao que chega moito peregrino, polo que é un negocio que vai ben.

Ademais, tamén se lle ofrece ao turista, xa que temos clientes de todo tipo, un lugar onde poder descansar de forma máis privada que noutros establecementos.

En que consiste o traballo?

Estes pisos alúganse por tempadas, é dicir, eu empezo en marzo e traballo con eles ata o 31 de outubro, 7 meses. Neste primeiro ano de traballo, na tempada pasada e a xa comezada, puideron pasar por aquí xa case mil persoas.

Levo un ano e estou soa facendo toda a xestión online a través da plataforma na que se anuncian os pisos, falo coa xente, entrego as chaves, xestiono o diñeiro, e ademais encárgome da limpeza e lavandería dos pisos.

Por que ese nome?

Suxeriumo a miña neta porque pensabamos en algo que tivera que ver co turismo e que a xente se sinta como en casa, por iso pensou que Tourist Home sería un bo nome, e en inglés, porque a maioría dos nosos clientes son peregrinos e son de fóra, polo que o pensamos no idioma máis internacional.

Como son os pisos que se ofrecen?

O primeiro é un ático que está nunha das rúas principais de Sarria e na praza da Vila. Ten unha gran terraza e é un sitio precioso, onde se ve toda a zona antiga e a Igrexa de Santa Mariña. Ten catro habitacións e ten capacidade para ata nove persoas.

O segundo está na rúa Greco. É un piso máis pequeno pero novo e reformado, con dúas habitacións e capacidade para catro persoas.  Ten unha cociña de estilo americano integral e tamén terraza. É un sitio moi tranquilo e hai zona de aparcamento a ambos lados da rúa.

O terceiro é o máis pequeno. Ten unha habitación e capacidade para dúas persoas, é o máis privado, incluso se pode acceder a el sen ter que quedar comigo porque ten unha clave para poder entrar. Está localizado na rúa Marqués de Ugena, a dous minutos da Igrexa Santa Mariña, polo que tamén se atopa nunha zona céntrica da vila, no casco antigo e en pleno Camiño de Santiago.

Ademais de peregrinos, que tipo de clientes teñen?

A maioría dos nosos clientes son peregrinos, pero tamén veñen familias que veñen pasar uns días a Sarria de vacacións, xente de negocios que veñen un día para facer unha xestión, tamén veñen persoas por algunha festa como o San Xoán ou algún festival como o Ribela Love Nature ou concentracións de motos...

Como é o trato con eles?

Hai unha comunicación boa, tanto de maneira online como en persoa cando vou entregarlles as chaves. Explícolles todo e estou á súa disposición para calquera cousa que necesiten, sempre estou dispoñible no teléfono e nunca tivemos un problema. Por iso temos boas valoracións e a xente nos recomenda. Ata temos clientes fixos cos que falamos directamente por teléfono, que quedaron moi contentos a primeira vez e repiten e aconsellan a outros amigos e familiares a vir aos nosos pisos. Intentamos que a xente estea tranquila e contenta, e que marche feliz e nos recomende.

Tanto é así que temos xa o 50 % de reservas completas para todo o ano e nos tres pisos, polo que temos moita aceptación. Estamos nun núcleo súper importante, xa que os que van comezar o Camiño, quedan en Sarria, e os que veñen de Pedrafita, Triacastela ou Samos, tamén quedan en Sarria.

Os pisos turísticos ofrecen ao peregrino unha experiencia diferente con respecto a outro tipo de establecementos que se ofrecen a este tipo de turista, xa que no noso caso ofrecemos máis privacidade, unha habitación individual e un baño para estar máis cómodo e tranquilo.

Hai algún proxecto de futuro?

Queremos que a empresa medre, e para iso necesitamos máis pisos que se poidan utilizar para o turismo. Por iso animamos a todas aquelas persoas que teñan un piso que non utilicen e que se está deteriorando, que o poñan a disposición de Tourist Home. De todo o diñeiro que se xera do aluguer destes pisos, o propietario lévase o 80 % e eu o 20 %, ademais de cobrar unha parte tamén por facer a limpeza e a lavandería, xa que, se non, terían que contratar eles unha empresa. O propietario, ademais, pode establecer en que período quere deixar ou ter a disposición o seu piso e fírmase unha especie de semi-contrato no que se establece todo o necesario para poder operar con el de forma satisfactoria para as dúas partes.

0.16849303245544