Miguel Ángel Moscoso, concelleiro do PSOE do Incio: "Aumentar os escanos sempre é unha aspiración"
Por Jessica Fernández
Miguel Ángel Moscoso Mao sempre sentiu unha necesidade por formar parte da vida política e reivindicativa, polo que con vinte e poucos anos afiliouse ao Partido Socialista da súa vila natal, O Incio, á vez que tamén comezou a formar parte de Comisións Obreiras. “Entre compañeiros e amigos convencéronme para formar parte das listas nas eleccións do Concello do Incio e encabecei a proposta para os comicios, sendo eu o único concelleiro durante moitos anos. Despois retireime un pouco e decidín volver porque as situacións son como son. E agora, trala marcha da portavoz e ex alcaldesa, Laura Celeiro, asumo eu a portavocía, e, entre Darío, Iria e eu buscaremos un novo candidato ou candidata que asuma a cabeza do PSOE para liderar as listas dos vindeiros comicios locais en 2027. A situación foi complicada pero tivemos que asumila con forza para seguir adiante”, explica Moscoso.
Con respecto ao papel da oposición, un lugar no que estivo sempre, defenden que “hai certas cousas que hai que asumir, xa que cunha maioría absoluta é moi difícil competir e hai obras que se están facendo e que para nós non son prioritarias, pero hai que asumilo. Non se pode estar sempre en contra das obras, pero tampouco a favor sempre. Para nós hai cousas que non se fan, entón dicímolo e propoñemos que se fagan cousas que cremos importantes”.
Así, tamén di que o papel da oposición é “controlar que se faga o que se promete e que se faga ben”, aínda que subliña que “con maioría absoluta tampouco se pode facer moito”. A pesar disto, o PSOE axuda á veciñanza escoitando os seus problemas, pedindo obras que “entendemos que son primordiais” e estando aí para a xente, o que supón sacrificios, tal e como explica o coordinador socialista, quen explica que “todo este traballo, leva tempo e historias. Tes que ir á outra punta do Concello a falar con compañeiros e veciños das súas necesidades e iso ten un custo de tempo e a nivel económico importante, xa que nós tampouco gañamos nada economicamente. Hai que ter tempo e agora eu téñoo, pero hai que entender que supón esforzo”. Ademais, explica que ás veces “algún veciño protesta porque nos pide que levemos a pleno algunha iniciativa que para el é importante e logo non sae adiante e quéixasenos a nós. É razonable que a xente pida cousas, iso está dentro da vida normal da oposición, igual que gobernando che van dicir cousas”, sostén.
ACCIÓNS DE FUTURO
Para Miguel, o obxectivo de futuro máis claro é seguir traballando polo Concello e subir o número de concelleiros, que “sempre é unha aspiración”, sostén. Mentres, a nivel individual explica que el non aspira a ser alcalde, “nin moito menos”, xa que debe liderar a cabeza de lista unha persoa “con ganas de facer un proxecto socialista con futuro para O Incio, no que se poden incluír os pactos de Goberno con outras formacións políticas, como BNG, que esperamos que volvan ter representación na corporación municipal, ou partidos independentes que se poidan formar”, explica.
Ademais, argumenta “agora mesmo o pobo non está moi contento, polo que debería haber un cambio que fixese que os que quedamos, que somos poucos, estiveramos mellor”.
Por iso, defende que as necesidades do Concello do Incio comezan coa mellora dos accesos a diversos núcleos de poboación, como o de Outeiro a Toldaos; terminar o acceso de Reboiro a Santa Cristiña, “que se arranxou a primeira parte, pero o segundo tramo do camiño está como está... Para nós, estanse facendo obras que non son primordiais, como o do miradoiro, o de mercar muíños e restauralos... Esas cousas están moi ben pero o primordial é que as persoas que quedamos vivindo aquí no Concello poidamos ter uns accesos bos ás diferentes aldeas, porque iso é o primordial para os veciños”, explica.
Por outra parte, sostén que “o Concello é de todos, non do alcalde nin dun partido concreto, polo que hai que facer as cousas para o ben común”. Así, cre necesaria a compra da caseta onde se atopa a fonte e manancial de Augas Ferreas da Ferrería, “xa que foi expropiado e agora están vendendo o terreo a trozos e nós intentariamos comprar a fonte para que sexa dos veciños, coa axuda da Xunta porque pertence a Augas de Galicia. Gustaríanos restaurar a caseta da fonte e o outro era un hotel, o tema é o da auga. Eu entendo que iso sería principal para o PSOE, antes que restaurar muíños”, explica. Ademais, destaca que as augas desta construción é considerada como un balneario, xa que as súas augas son recoñecidas como boas para tratar certas doenzas e enfermidades como a anemia.